As solucións dixitais con impacto social centrarán un debate en Compostela

venres, 14 de marzo do 2025 Marcus Fernández

O vindeiro día 25 ás 10:30 o salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela será o escenario no que se celebrará unha nova edición dos Diálogos Inspiradores: Universidade e Economía Social, unha xornada que xuntará a expertos no ámbito da economía social e da innovación tecnolóxica para debater sobre o potencial das solucións dixitais con impacto social.
Esta cita ten como obxectivo demostrar que a tecnoloxía e a economía social poden camiñar da man, impulsando innovacións sustentables que sitúen as persoas e o ben común no centro do desenvolvemento empresarial.
Nesta ocasión participarán no debate a directora xeral do IGAPE, Covadonga Toca, o prepresentante de Idearia Soluciones S. Coop. Galega, Fran Otero, e a investigadora de LIESGA, María Bastida.
Esta iniciativa está dirixida a estudantes, profesionais, emprendedores e outros interesados en novas formas de emprendemento sustentable combinando tecnoloxía e impacto social, que poden inscribirse en liña para poder participar nesta xornada que explorará como a transformación dixital pode ser unha ferramenta chave para construír modelos de negocio máis xustos, democráticos e inclusivos.