As tarxetas SIM virtuais poderían imporse este ano

luns, 1 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Fotografía <a href="https://www.flickr.com/photos/mujitra/6592778831/in/photolist-b3zHsx-b3zJDz-6L28Qr-b5on3K">de Miki Yoshihito</a>Durante os últimos anos distintos fabricantes amosaron o seu interese en dicir adeus ás tarxetas SIM dos teléfonos móbiles, e así puidemos ver como co lanzamento do iPad Air 2 a tableta de Apple incluída unha nano SIM programable que permitiría cambiar de operador dende o propio sistema operativo, e incluso puidemos ver como en Corea do Sur o smartwatch Samsung Gear S2 podía funcionar sen apoio do smartphone ao integrar unha e-SIM con capacidades de voz (polo momento non dispoñible en España). Precisamente esta última innovación é a que levou ao diario Expansión a dar conta de que se espera que as e-SIM ou tarxetas SIM virtuais integradas nos dispositivos electrónicos pasen a ter unha adopción masiva en 2016, o que tería unha grande repercusión na industria da telefonía móbil, ao facilitar as portabilidades exprés, a venda de servizos de telecomunicacións por parte dos fabricantes, a reconversión das tendas e incluso podería afectar seriamente ao roaming.
Comentan que na vindeira edición do Mobile World Congress de Barcelona podería ser a liña de saída desta tecnoloxía, de xeito que confían en que a súa inmediata adopción sería un dos grandes anuncios da feira de telefonía móbil que botará a andar o vindeiro día 22.
As especificacións das e-SIM están repartidas en dúas fases: a primeira, de dispoñibilidade inmediata, aplicaríase a tabletas, smartwatches, vehículos e outros trebellos conectados, mentres que a segunda fase, destinada a smartphones, estaría dispoñible a partires do verán.
A grande vantaxe desta tecnoloxía é que non sería preciso cambiar de tarxetas SIM para mudar de operador, axilizando enormemente as portabilidades, o que tamén reduciría substancialmente as visitas dos consumidores ás tendas de telefonía móbil. Os trebellos poderían activar a súa liña móbil de xeito remoto, o que facilitaría a comercialización en liña e faría cada vez máis irrelevante as canles de comercialización tradicionais, de xeito que prevese que cada día haxa unha menor presenza das tendas de telefonía móbil na rúa.

PUBLICIDADE