Até 240 investigadores participan no congreso SISTEDES 2022 que organiza o CiTIUS en Compostela

mércores, 31 de agosto do 2022 S. P.

Máis de 200 especialistas en Enxeñaría do Software e Bases de Datos, Ciencia e Enxeñaría de Servizos, e Programación e Linguaxes daranse cita desde o vindeiro luns 5 de setembro na capital galega para analizar os últimos avances nas súas respectivas áreas de investigación. O congreso SISTEDES desenvolverase entre o 5 e o 7 de setembro da man do centro compostelán CITIUS.
O congreso nacional da Sociedade de Enxeñaría de Software e Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software (SISTEDES) é un encontro de carácter anual centrado en tres grandes áreas da informática: Enxeñaría de Software e Bases de datos (JISBD, a máis grande), Ciencia e Enxeñaría de Servizos (servizos web, JCIS) e Programación e Linguaxes (PROLE).
As xornadas, organizadas polo grupo de Gráficos por Computador e Enxeñaría de datos do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC), reunirán na cidade compostelá a 240 investigadores dos grupos de investigación máis importantes das universidades españolas, así como a estudantes e representantes de empresas e sector público. O simposio arrincará o vindeiro luns 5 de setembro no Hotel OCA Porta do Camiño ás 9:00 co acto de apertura oficial, ao que asistirán o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela.
Segundo informa o CiTIUS, ao longo de SISTEDES 2022 presentaranse un total de 154 traballos científicos perante a comunidade investigadora, unha comunidade, que, segundo engade o centro compostelán, “respondeu con crecente interese ante o encontro, aumentando a participación con respecto a outras edicións (tanto en número de asistentes rexistrados como en propostas enviadas)”.
O simposio inclúe tres conferencias plenarias (unha por área), a cargo de reputados investigadores de talla internacional: Robert Feldt (JISBD), profesor de Enxeñaría de Software na Universidade Tecnolóxica de Chalmers, Gotemburgo (Suecia); Uwe Zdun (JCIS), profesor de arquitectura de software na Facultade de Informática da Universidade de Viena (Austria); e Manuel Hermenegildo (PROLE), profesor da Universidade Politécnica de Madrid e investigador distinguido no Instituto IMDEA-software.
Así mesmo, as xornadas contan tamén co respaldo do sector, contando co apoio de empresas tecnolóxicas como Accenture, Plexus Tech e Televés (principais patrocinadoras) e o Clúster TIC Galicia.
Tres simposios nun
As xornadas SISTEDES levan realizándose de maneira ininterrompida con este formato desde o ano 2001, En palabras do CiTIUS, son “un referente e constitúen un punto de encontro esencial a nivel nacional entre a comunidade española que traballa nas áreas de Enxeñaría do Software e as Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software”. Trátase, engade o centro compostelán, “dun espazo para a posta en común e o intercambio científico”, auspiciado por la homónima Sociedade de Enxeñaría de Software e Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software (SISTEDES); unha asociación sen ánimo de lucro creada co principal obxectivo de contribuír ao desenvolvemento científico e tecnolóxico a nivel estatal na área da Enxeñaría do Software e as Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software, así como de promover a investigación, a innovación e a transferencia de tecnoloxía entre a academia e a empresa, para o avance destas disciplinas.
Na edición 2022, o comité organizador estará formado polos investigadores José M. Cotos Yañez, José R. Ríos Viqueira, Manuel Lama Penín e José A. Taboada González, coa colaboración do resto de membros de l grupo e o persoal de apoio do CiTIUS. O evento conta tamén co apoio da Consellería de Turismo da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a propia USC.

PUBLICIDADE