Até 35 persoas fórmanse na Molinera en prototipar ferramentas 4.0

luns, 11 de xuño do 2018 Redacción

O Centro de Innovación Social Dixital A Molinera de Ourense está a acoller estes días (e até o 18 de xuño) unha actividade formativa sobre metodoloxías da nova revolución industrial e tecnolóxica. Trátase do obradoiro Experto en prototipado con ferramentas 4.0: proxectos robóticos, electrónicos e microinformáticos, un curso de extensión universitaria organizado polo Campus de Ourense (co financiamento da Deputación) no que participan 35 persoas adquirindo os recursos precisos para desenvolver todo o proceso de elaboración dun prototipo, desde a súa programación e electrónica ata a súa impresión en 3D.
O curso está dirixido polo catedrático Florentino Fernández-Riverola e polo profesor José Ramón Méndez Reboredo, do Grupo de Investigación SING (Sistemas Informáticos de Nova Xeración) do Departamento de Informática da Universidade de Vigo. Cunha duración de 60 horas impartidas en horario de tarde na Molinera, a formación divídese en tres módulos, un primeiro de electrónica e programación, un segundo de corte con láser e un terceiro de impresión 3D.
Segundo detallan os directores do curso, “o crecente interese polo desenvolvemento de sistemas electrónicos e microinformáticos orientados ao control de calquera proceso ou sistema e nun escenario onde todo dispositivo tende a conectarse a Internet, o uso de sensores e actuadores en combinación con circuítos electrónicos e microinformáticos posibilita o control de calquera sistema”. Ao fío disto, os directores engaden que a materialización de placas de circuíto impreso que integren todos os compoñentes eléctrico/electrónicos, así como o coñecemento de principios básicos de electrónica, “resultan imprescindíbeis para abordar o deseño, aplicación e posta en marcha de calquera proxecto electrónico”.
Os obxectivos detallados do curso abranguen cuestións como capacitar ao alumnado para o desenvolvemento de circuítos electrónicos, para deseñar e fabricar prototipos electrónicos e programábeis funcionais e para comprender os fundamentos básicos do deseño de placas de circuíto impreso. Ao longo das sesións, as e os participantes, aprenderán ademais a manexar o instrumental necesario na construción de prototipos que manexan hardware electrónico e iniciaranse no mundo do hardware libre e os microcontroladores utilizando a plataforma Arduino e no manexo dunha ferramenta de deseño vectorial, entre outras temáticas.

PUBLICIDADE