Bahía impulsa unha innovadora tecnoloxía smart para coidar dos nosos bosques: uForest

xoves, 6 de abril do 2017 Redacción

Bahía Software, compañía galega do ámbito TIC, está a liderar o desenvolvemento dun proxecto tecnolóxico directamente encamiñado a protexer os nosos bosques. Trátase da plataforma uForest, unha tecnoloxía que tira proveito de drons e software específico para, en palabras de Bahía, salvagardar o futuro das nosas forestas. Segundo informan os responsábeis da empresa galega, “é unha tecnoloxía moi innovadora, xa que integra todo o proceso preciso e axeitado para a toma de decisións no ámbito forestal”. Este proceso consiste na captura de información a través de vehículos aéreos non tripulados (UAV polas súas siglas en inglés) de información xeorreferenciada sobre masas arbóreas, a súa visualización e a súa análise.
Na actualidade, explican dende Bahía, a medición das fragas e o seguimento da evolución das mesmas teñen dous tipos de dificultades: os altos custos económicos e a súa loxística. Porén, sinalan, uForest pon en xogo drons desenvolvidos en exclusiva para esta plataforma, permitindo unha “redución de custos de maneira significativa respecto dos medios convencionais como avións, helicópteros ou satélites”.
Estes vehículos aéreos non tripulados teñen o cometido de recoller datos, permitindo compilar información que, unha vez tratada e interpretada, pódese usar para o apoio de toma de decisións nos ámbitos forestal, ambiental e agrícola.
A tecnoloxía uForest comezarase a probar en tres destes usos: o modelado de combustíbel e prevención de incendios, o estado fitosanitario da vexetación dun bosque e o proceso de cartografar e clasificar hábitats. “A nosa tecnoloxía”, explican os enxeñeiros de Bahía, “aplica o concepto de Smart City ao ámbito forestal e ambiental, unificando o acceso á información e posibilitando a creación de aplicacións de valor engadido dunha maneira sinxela, estandarizada e con capacidade de evolucionar e adaptarse a diferentes contornas”.
A plataforma uForest introduce polo tanto unha manchea de elementos diferenciais que, no seu conxunto, permiten pór no mercado unha ferramenta pioneira e innovadora que cobre as necesidades de obtención e xestión de datos ambientais de forma rápida, precisa, eficaz e cun custo eficiente. Entre eles atópase a utilización de drons como “instrumento clave que permite unha redución de custos de maneira significativa respecto dos medios convencionais como avións, helicópteros ou satélites”, explica a firma galega, engadindo que os UAV parten, neste senso, “coas vantaxe da axilidade e inmediatez na adquisición de datos cunha alta resolución”.
Segundo lembran os enxeñeiros de Bahía a respecto de todo o devandito e da importancia dos drons, os expertos coinciden en que os vehículos aéreos non tripulados “non substituirán ás antigas ferramentas de medición”, pero si que serán quen de “constituírense como un sistema máis a disposición dos técnicos, a unir ás inspeccións a pé sobre o terreo ou aos voos tripulados e ás imaxes por satélite”. De feito, a combinación dos diferentes tipos de datos capturados desde o ar grazas ao uso de UAV fornece a posibilidade de obter resultados “antes non alcanzábeis”, explican dende a empresa galega.
Respecto da contorna de usuario deseñado por Banía Software permite traballar de maneira “amigábel” con toda a información da que se dispón, “posibilitando a análise sistemática dos datos e a aplicación de técnicas de simulación para diferentes escenarios”. E engaden fontes da empresa: “Grazas a esta ferramenta interactiva de visualización, o usuario poderá interactuar de maneira áxil con información LiDAR, de cámaras multiespectrais e térmicas; imaxes de cámaras de alta definición; e sistemas de información xeográfica”. Ademais o deseño de uForest está concibido non só para as necesidades actuais senón tamén para responder os retos do futuro da xestión forestal, ambiental e agrícola.

PUBLICIDADE