Beatriz Salvador, investigadora do CITIC, obtén unha bolsa posdoutoral ERCIM en Ámsterdam

luns, 4 de marzo do 2019 Redacción

A investigadora do CITIC Beatriz Salvador Mancho incorporouse a primeiros de febreiro a unha estancia posdoutoral no Centro de Investigación de Matemáticas e Informática (CWI) de Ámsterdam, referente europeo e mundial no seu ámbito de traballo. A incorporación materializouse logo de obter Beatriz unha bolsa posdoutoral na competitiva convocatoria de ERCIM. A investigadora presentou a súa candidatura a estas bolsas pouco tempo antes de defender a súa tese o 17 de decembro de 2018 na Facultade de Informática da UDC, en parte avalada polas publicacións asociadas á súa tese.
Beatriz Salvador realizou a súa tese baixo a dirección dos profesores e membros do CITIC, Íñigo Arregui Álvarez e Carlos Vázquez Cendón, dentro do programa de doutoramento de Métodos Matemáticos e Simulación Numérica en Enxeñaría e Ciencias Aplicadas. A temática da tese enmárcase no modelado, análise matemática e simulación numérica dos axustes de valoración derivados da consideración do risco de contrapartida en certos contratos financeiros. Durante a súa etapa predoutoral, Beatriz Salvador estivo financiada cun contrato FPI, que lle permitiu realizar estancias na Comenius University of Bratislava para traballar co profesor Daniel Sevcovic, obtendo varios artigos en colaboración.
A concesión da bolsa e a estadía posdoutoral supón unha oportunidade para desenvolver novos temas de investigación no ámbito das finanzas computacionais no CWI durante un ano, prorrogábel por un segundo ano.

PUBLICIDADE