Blusens Technology presenta concurso voluntario de acredores

luns, 28 de outubro do 2013 Marcus Fernández

José Ramón García compareceu ante os medios a primeiros de xullo para dar conta do preconcurso de acredores da súa compañía

A primeiros de xullo o fabricante galego de electrónica de consumo Blusens anunciou ante os medios que presentou un preconcurso de acredores da súa filial española para permitir a achega de financiamento (renegociando a súa débeda con entidades financeiras) que permite á compañía cumprir co seu plan estratéxico fixado ata 2020, e finalmente este proceso non impediu que hoxe Blusens Technology tivese que presentar no Xulgado do Mercantil da Coruña o concurso voluntario de acredores coa pretensión de “reestruturar a súa débeda e buscar novas alternativas de financiamento” segundo recollen nun comunicado.
Esta situación choca frontalmente coa demanda que teñen os produtos de Blusens, segundo comentou hai un meses José Ramón García, presidente da compañía, quen asegurou que por mor da falta de financiamento tiveron que “renunciar a un volume de más de 50 millóns de euros en pedidos que non puidemos servir por non dispor do financiamento preciso que permitira cubrir o prazo temporal que se establece entre o pagamento aos nosos provedores e o cobro aos nosos clientes”.
Como mostra da elevada demanda dos produtos de Blusens tamén podemos mencionar que datos de GfK colocaron a Blusens na terceira posición en venda de tablets en España o pasado mes de abril, só por detrás de Samsung e Apple, acadando tamén unha grande visualización por parte do público grazas ao lanzamento de cara á pasada campaña de Nadal dun tablet do personaxe Tadeo Jones.