José Ramón García destaca o potencial de medre de Blusens e esixe ao sistema financeiro máis apoio aos emprendedores

martes, 2 de xullo do 2013 Fernando Sarasketa

Co fin de dar resposta ás informacións aparecidas os días pasados en La Voz de Galicia (e, ao rebufo, noutros medios), nas que se falaba á lixeira de que Blusens sucumbira á crise e se empregaban termos claramente sensacionalistas para reflectir a reformulación da relación que manteñen unha parte dos accionistas e a compañía galega de lecer electrónico, José Ramón García, presidente e socio fundador da firma, compareceu este martes ante os medios para lembrarlles que a compañía segue viva e que o que valeu para os máis de dez anos de actividade da empresa galega (talento, innovación, creatividade, empuxe) vale perfectamente para agora e máis alá. García, que comezou a rolda de prensa anunciando que ía ser diferente (e así foi, en boa parte polo ton crítico acadado), tivo palabras de louvanza para os medios de comunicación, aos que responsabilizou de boa parte do éxito acadado por Blusens, pero tamén de crítica, sobre todo ao non ser entendíbel, na súa opinión, a postura dun xornal como La Voz de Galicia, un bo exemplo de empresa afectada pola crise que ben debera ser máis sensíbel e saber o dano que poden provocar determinados termos e tons, e tamén, a cantidade de postos de traballo que se poñen en xogo por empregar determinados termos e tons.
García tamén foi crítico co sistema financeiro e socioeconómico actual, referíndose ao caso de España, onde por unha banda convídase dende tódalas frontes a emprender máis e a innovar, e pola outra non se acompaña o proceso do debido compromiso para que haxa con que emprender e con que innovar. Ou sexa, para que haxa financiamento. Este é, dixo, o principal problema actual de Blusens, unha empresa que ao seu xuízo está arestora potencialmente capacitada para medrar nunha chea de mercados pero que non pode facelo, non pode atender a alta de manda de produtos e de pedidos, por non contar co financiamento axeitado. “Nunha empresa normal unha persoa no meu posto pediríalle aos seus empregados que venderan canto máis mellor”, sinalou, “pero nós estamos a día de hoxe facendo o contrario: imaxinádevos o que significa iso para un empresario”, engadiu García, que proseguiu a rolda de prensa explicando polo miúdo en que consiste o proceso polo que está a piques de pasar: unha recompra de accións de propietarios. Ou sexa, un plan de reestruturación financeira que afecta á filial da firma en España e que inclúe, como medida temporal e entre outras actuacións, a presentación dun preconcurso de acredores na devandita filial. Este plan estratéxico, lembrou, chámase Plan Blusens 2020 e trátase dunha gran ruta iniciada hai cinco anos co firme obxectivo de dotar á compañía da estrutura de financiamento axeitada para facer fronte aos obxectivos e retos de afianzamento e espallamento nacional e internacional. Este plan vén marcado pola “esixencia a niveis dramáticos de contar cunha capacidade de financiamento propio case total para suplir a falta de financiamento bancario”, engadiu.
A xuízo de Garcia, a crise que sofre Blusens é diferente á que sofren outras compañías. En parte porque está e estará en mercados onde non hai crise (México, Colombia, Chile, Oriente Medio, etc) e en parte pola demanda máis que constatada que existe, a día de hoxe, dos seus produtos e servizos. “Segundo se reflicte nos resultados de 2012”, explicou, “tivemos que renunciar a un volume de máis de 50 millóns de euros en pedidos que non puidemos servir por non dispor do financiamento preciso que permitira cubrir o prazo temporal que se establece entre o pago aos nosos provedores e o cobro aos nosos clientes, algo que é o día a día de calquera empresa que opera con distintos prazos de compravenda e que se dramatiza de xeito especial en grandes volumes de produtos para varios mercados internacionais”. Resultado de todo isto: Blusens non pode entregar e cobrar o que vende, polo tanto a vella máxima de vender canto máis mellor deixa de ter validez, porque xa non de poden atender os pedidos. De contar co financiamento axeitado, lembrou García, acadaríase un medre económico espectacular no seo da compañía. “Temos o coche, pero o sistema financeiro déixanos sen combustíbel”, comentou ao respecto. O presidente de Blusens rematou a rolda facendo un chamamento a reformular o actual sistema bancario, e máis se temos en conta a seguinte pregunta: de que serve ter bancos se logo non se apoia dende eles as empresas de futuro, que xeran valor para o país, postos de traballo e que teñen a posibilidade de sacarnos realmente da crise? E rematou: “Só queremos os recursos para seguir producindo e vendendo, temos ilusión e talento, marca, capacidade de innovación e futuro, só nos falta o financiamento (...) Eu como emprendedor digo que a este país non o vai sacar da crise ninguén máis que os emprendedores, ninguén máis; o único que falta é contar co apoio do sistema bancario, pero algo falla cando se nos di que hai que saír fóra, que hai que emprender e innovador, e logo non hai financiamento e un sistema que nos permita traballar”.

PUBLICIDADE