CD Projekt xa traballa na secuela de Cyberpunk 2077

mércores, 28 de maio do 2025 Marcus Fernández

O estudio de videoxogos polaco CD Projekt vén de presentar os seus resultados económicos para o primeiro trimestre de 2025, onde lembran detalles como que o 5 de xuño lanzarán a versión definitiva de Cyberpunk 2077 para Nintendo Switch 2 e aseguran que a expansión de tal xogo coñecida como Phantom Liberty superou os 10 millóns de copias vendidas, aproveitando a ocasión para anunciar que Cyberpunk 2 xa entrara na súa fase de pre-produción.
Aínda que actualmente o estudio está a centrar os seus esforzos no desenvolvemento de The Witcher 4, confirman que a data de 30 de abril 96 dos seus 730 traballadores xa estarían dentro do proxecto de desenvolvemento de Cyberpunk 2.
Polo momento non temos máis información sobre a secuela de Cyberpunk 2077, e incluso podemos entender que o título de Cyberpunk 2 é simplemente un nome xenérico para referirse ao xogo de cara aos investidores da compañía, xa que o propio sería conservar a marca da franquía Cyberpunk 2077 engadíndolle un lema como xa fixeron as expansións do primeiro xogo. É posible que aínda tardemos bastante en coñecer máis detalles deste novo traballo de CD Projekt, xa que o xogo podería non ver a luz ata o ano 2030, polo que non tería moito sentido adiantar información con tanta antelación.

CD Projekt xa recoñece ter a 96 traballadores involucrados no desenvolvemento da secuela de Cyberpunk 2077