Carballo na Memoria amplía o seu arquivo fotográfico grazas á veciñanza de Noicela e Rebordelos

martes, 26 de maio do 2026 S. P.

O proxecto dixital e institucional Carballo na memoria impulsado polo Concello deu os seus primeiros pasos en 2014. Naceu cun fondo inicial de apenas 70 fotografías históricas procedentes principalmente do arquivo municipal co obxectivo de dixitalizar e salvagardar o legado visual da vila. Esta iniciativa reconstrúe a historia cotiá a través dos álbums familiares achegados pola propia veciñanza e ten como referente a obra literaria Carballo na memoria (Ed. Galaxia. 1900-1980) escrito polo historiador Xan Fraga Rodríguez.
Esta proposta de Carballo na Memoria, segue adiante e vén de trasladarse este mes á zona costeira do concello co fin de rescatar os recordos das parroquias de Noicela e Rebordelos, e a resposta por parte dos veciños e veciñas foi espectacular.
O punto de encontro foi o centro social de Imende, onde a xente respondeu de xeito masivo ao chamamento de “rebuscar nos caixóns”. O resultado foi todo un éxito: recompiláronse máis de 300 fotografías das familias que axudan a reconstruír a historia cotiá, as tradicións e a evolución desta zona do litoral carballés.
Indo ao proceso de recollida: as fotografías son escaneadas e documentadas, o que permite que as persoas participantes leven de volta os documentos orixinais para as súas casas no mesmo momento. Todas estas imaxes recuperadas serán agora catalogadas, protexidas e integradas na nova plataforma web que o Concello de Carballo está a deseñar, coa vontade de que este valioso legado sexa accesible de balde para toda a cidadanía de hoxe e das futuras xeracións.
Por último, sinalar que a web na que se poderán ver as fotografías recompiladas por Carballo na memoria estará dispoñible en datas vindeiras. Namentres pódense ver no Facebook da iniciativa bergantiñá.