Carme Artigas abre este xoves 4 o curso da UDC sobre as posibilidades da Cidade das TIC

mércores, 3 de novembro do 2021 S. P.

Carme Artigas nunha imaxe de TEDx UNebrija

O salón de actos da Fundación Luis Seoane, sede da UIMP Galicia (que dirixe a profesora da Universidade da Coruña Obdulia Taboadela) acollerá este xoves e venres, días 4 e 5 de novembro, o curso breve A Cidade das TIC: construíndo un futuro dixital, organizado polo reitor da UDC, Julio Abalde, e a catedrática de Computación e Intelixencia Artificial, Amparo Alonso, investigadora do CITIC da UDC. A encargada de inaugurar as sesións será Carme Artigas, secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial.
Nesta actividade formativa afondarase no futuro económico-social nun mundo dixitalizado en que a Intelixencia Artificial e a análise de información a gran escala (Big Data) ocuparán a vida e modificarán todos os sectores económicos. En concreto, estudarase como o proxecto da Cidade das TIC, na antiga Fábrica de Armas da Coruña (onde a UDC, co-impulsora do proxecto, contempla a instalación dun espazo físico compartido de empresas e institucións relacionadas a través do dixital), “pode xogar un papel fundamental no desenvolvemento dese futuro”.
Programa
Xoves, 4 de novembro
10:00h. Inauguración
10:30h. Intelixencia Artificial, clave na recuperación económica. Carme Artigas Brugal, secretaria de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial
12:00h. Mesa redonda: As empresas tecnolóxicas e a súa aposta pola Cidade das TIC. Interveñen: Indra, Everis, IBM Research e Antonio Rodríguez del Corral presidente do Clúster TIC
16:00h. IA e sustentabilidade: impacto social e económico. Amparo Alonso Betanzos
17:00h. Mesa redonda: Retos e oportunidades da IA no desenvolvemento de empresas innovadoras. Interveñen: ABANCA Innova, Estrella Galicia, CETAG, GAIN/IGAPE, Fondos Capital-Riesgos CDTI
Venres, 5 de novembro
10:00h. Estratexia dixital e de IA de Galicia 2030. Mar Pereira, directora de AMTEGA.
12:30h. Mesa redonda: Dixitalización, IA e Big Data: motor económico e innovación empresarial. Interveñen: Alejandro Casteleiro, CEO Artabro Tech; Antonio Rodríguez del Corral, CEO de Cinfo; Fernando Vázquez, Director de Imatia; Guillermo Lopez Taboada, CEO Torusware
16:00h. Economía e sector TIC en España e Galicia. Fernando González Laxe, ex-presidente da Xunta de Galicia e Catedrático de Economía Aplicada na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña
18:00h. Conferencia de clausura: Retos da nova sociedade nun mundo dixital. Antón Costas, catedrático de Economía da Universidad de Barcelona e presidente do Consejo Económico y Social.
Este evento forma parte da oferta de cursos breves da Universidad Internacional Menéndez Pelayo Galicia, coa colaboración do Concello da Coruña. O curso é presencial, para asistir é preciso inscribirse en galiciasa@uimp.es.

PUBLICIDADE