Carrefour Móvil cesará os seus servizos ao remate do ano

martes, 13 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Cando visitamos a páxina web de Carrefour Móvil atopamos agora un anuncio informando de que a compañía ten «información relevante» para os seus usuarios actuais, que vén a ser un comunicado dando conta de que o vindeiro 31 de decembro Carrefour interromperá de xeito permanente o seu servizo de telefonía móbil, polo que notifican con antelación suficiente para que o usuario poida buscar alternativas con tempo.
Dende Carrefour aseguran que deciden abandonar o negocio móbil ante a imposibilidade de ofrecer unha mellor oferta de servizos converxentes (fibra/ADSL/4G), polo que optan por cancelar os compromisos de permanencia que os clientes puidesen ter adquirido e facilitando a portabilidade a outro operador, asegurando que pecharon un acordo con Orange para facilitar que os clientes poidan manter o servizo mediante a subscrición dun novo contrato co operador (para o que instan a chamar ao teléfono de balde 2860 ou aos números 900 de Jazztel, Simyo ou Orange indicando a vontade de querer aproveitar a oferta para clientes de Carrefour Móvil).

PUBLICIDADE