Catalina Grimalt recibe o Premio Ángela Ruiz Robles nunha xornada organizada en Santiago polo CCII e o CPEIG

venres, 27 de xuño do 2025 S. P.

Catalina Grimalt recibe o premio de man das netas de Ángela Ruiz

O grupo de traballo de Mujeres en Ingeniería Informática do Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería Informática (CCII) celebrou esta mañá en Santiago a II Xornada Nacional de Mulleres en Enxeñaría Informática, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
O evento foi inaugurado por Mercedes Oliva, representante e membro de Mujeres en Ingeniería Informática (MEII) do CCII e membro da xunta de goberno do Colegio Profesional de Ingeniería Informática de Castilla y León; Fernando Suárez, presidente do CCII e +do CPEIG; e Manuel César Vila, concelleiro de Economía e Facenda de Santiago.
Na clausura intervirán Juana Perea (videoconferencia), membro de Mujeres en Ingeniería Informática do CCII e da xunta de goberno do Colegio Oficial de Ingeniería Informática de les Illes Balears (COIIB); Victoria González, membro de Mujeres en Ingeniería Informática do CCII e colexiada do CPEIG, así como responsable de proxectos de Minsait; e María Quintiana, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia.
Nesta edición púxose o foco no papel estratéxico das infraestruturas dixitais como base do desenvolvemento tecnolóxico e social para “garantir unha contorna dixital accesible, segura e sostible”. Este espazo de encontro busca “destacar a participación das mulleres nun ámbito técnico fundamental, así como fomentar unha visión máis diversa e igualitaria na construción das infraestruturas que sosteñen a transformación dixital”, informou o CPEIG.
Fernando Suárez, presidente do CPEIG, sinalou que esta xornada é un punto de encontro necesario para visibilizar, recoñecer e celebrar o talento feminino nunha profesión na que aínda existe a brecha de xénero: “Ante a falta de referentes femininos próximos, moitas vocacións apáganse antes de comezar, non por falta de talento, senón por falta de espellos nos que mirarse. Temos a responsabilidade de crear contornas onde ningunha rapaza teña que dubidar se encaixa. Temos que construír un espazo onde todas as persoas poidan brillar con luz propia”.
O presidente sinalou que desde o CCII trabállase para que a presenza da muller no ámbito da Enxeñaría Informática non sexa noticia, “asumindo un compromiso firme e estrutural coa igualdade para impulsar a visibilidade de referentes femininos; apoiando programas de asesoramento e acompañamento no desenvolvemento profesional; colaborando con empresas, universidades e administracións para romper nesgos e barreiras; e promovendo accións educativas para que as nenas descubran, a idades temperás, que a informática tamén é o seu lugar”.
“A fenda de xénero en informática non é só unha inxustiza, é unha oportunidade perdida para a innovación, a competitividade e o progreso social. Os equipos diversos son máis creativos, máis eficaces, máis humanos. A inclusión non é unha opción, é un imperativo”, manifestou.
No marco do evento entregouse o Premio Ángela Ruiz Robles, un recoñecemento do Consejo (CCII) ao “mérito, esforzo sostido e á capacidade de abrir camiños para as xeracións futuras desde a excelencia técnica e humana”. Na súa segunda edición, a distinción recaeu na enxeñeira informática Catalina Grimalt Falcó, subdirectora xeral de Organización e Recursos Internos do Port de Barcelona. O recoñecemento foi entregado pola neta de Ángela Ruiz Robles, María Luisa Souto Grandal; e pola catedrática de IA da Universidade Politécnica de Cataluña, Karina Gibert, membro de Mujeres en Ingeniería Informática do CCII, vicepresidenta 2ª do CCII e decana do Col·legi Oficial d’Enginyeria en Informática de Catalunya (COEINF).
Catalina Grimalt expresou o seu agradecemento por este recoñecemento ao CCII e ao grupo de DONESCOEINF que a propuxo, cunha mención especial a todas as persoas do Port de Barcelona que “confiaron en min para liderar o seu desenvolvemento tecnolóxico, así como ao gran equipo de profesionais que me acompañaron ao longo do camiño”.
“Recibir esta distinción é un orgullo e unha gran responsabilidade, polo que representa a figura de Ángela Ruiz Robles. Dar visibilidade ás profesionais do ámbito TIC contribúe a romper estereotipos, a xerar referentes e a construír unha profesión máis diversa, equitativa e inclusiva. Ademais, esta visibilización de traxectorias tamén reforza a importancia do rol dos CIOs ou directores de tecnoloxía. Un rol que, máis aló do técnico, achega unha visión estratéxica capaz de aliñar a innovación cos obxectivos da organización, xerando impacto real e sostible na súa competitividade e na súa transformación”, apuntou.
O trofeo foi deseñado pola xornalista María Almodóvar e feito realidade pola empresa viguesa Garpe Impresión. Trátase dunha peza de metacrilato cun deseño futurista e minimalista, que se ilumina con luz LED azul ao prenderse mediante un discreto botón. O premio, que leva o nome de Ángela Ruiz Robles, a precursora do libro electrónico, é unha homenaxe ao seu legado e un símbolo do compromiso que o CCII e o grupo de MEII manteñen coa innovación e o talento feminino no ámbito da Enxeñaría Informática.
Tamén Catalina Grimalt ofreceu unha conferencia titulada Smart ports, despregue do 5G e a remodelación da infraestrutura TIC do Porto de Barcelona para la Copa América. A enxeñeira explicou que un smart port é un porto eficiente, respectuoso co medio natural, seguro e conectado, que aproveita a tecnoloxía e os datos para optimizar a súa operativa, reducir o impacto ambiental e xerar valor para a comunidade. “As principais apostas tecnolóxicas no Port de Barcelona centráronse na posta en marcha da 5G, non só no ámbito terrestre, senón tamén cunha cobertura adicional de ata dúas millas náuticas”, indicou.
Como recinto industrial, Grimalt sinalou que a aplicación da Intelixencia Artificial —especialmente a visión artificial— permite recoller datos en tempo real sobre a actividade do porto e utilizar esta información tanto para ser máis transparentes como para mellorar a toma de decisións: máis áxiles, informadas e baseadas en datos. “En poucos anos despregamos máis de 300 cámaras e achegámonos xa ás 500, cubrindo practicamente todo o recinto portuario”, puntualizou.
Como subdirectora, Catalina Grimalt impulsou unha transformación transversal que integra persoas, procesos e tecnoloxía para facer do Port de Barcelona un referente en innovación e sustentabilidade. “Os cambios tecnolóxicos son desenvolvidos polas persoas, por iso é fundamental achegar unha visión integral e integradora desa transformación”, engadiu.
Ademais, celebrouse unha mesa redonda sobre Datos e intelixencia artificial como infraestruturas básicas das novas organizacións, moderada por Patrícia Yábar la Roca, membro de Mujeres en Ingeniería Informática do CCII e colexiada polo Col·legi Oficial d’Enginyeria en Informàtica de Catalunya (COEINF). Participaron diversas expertas: a catedrática de LSI e adxunta de Transferencia na Universidade da Coruña, Susana Ladra, tamén membro de Mujeres en Ingeniería Informática do CCII e vicepresidenta do CPEIG; a consultora sénior de datos, intelixencia e robots en Minsait, Tatiana Suárez; a científica de datos de INECO, consultora da Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial (SEDIA) do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, Núria Albó; por videoconferencia Luisa Sanz, voceira de Intelixencia Artificial no Congreso dos Deputados; e Catalina Grimalt.