OpenAI vén de presentar o axente de ChatGPT, unha ferramenta capaz de xestionar tarefas complexas de principio a fin de forma autónoma. Este novo sistema combina capacidades avanzadas de razonamento, interacción coa web e execución de accións nun único modelo que, ademais de comprender as ordes do usuario, é quen de poñelas en práctica con autonomía e seguridade.
Desde hoxe, esta nova funcionalidade está dispoñible para os usuarios dos plans Pro, Plus e Team, e chegará tamén aos plans Enterprise e Education antes de rematar o mes de xullo. Os usuarios Pro contarán con tarefas case ilimitadas ao mes, mentres que os restantes terán un máximo inicial de 50, con opcións de ampliación mediante créditos.
A principal novidade radica na súa capacidade para alternar entre pensamento e acción. Isto permítelle realizar desde investigacións financeiras ata a creación de presentacións ou completar formularios, sen necesidade de que o usuario interveña en cada paso. ChatGPT é quen de navegar por sitios web, aplicar filtros, escribir ou executar código segundo as necesidades da tarefa.
Este axente é o resultado da integración de dous avances anteriores: Operator (un navegador remoto que interactuaba coa web) e a ferramenta de investigación profunda baseada en razonamento. Ao combinar ambos enfoques, o novo axente permite realizar accións máis útiles e contextualizadas, como analizar competidores, xerar informes automáticos ou organizar reunións segundo a dispoñibilidade do usuario.
Un dos puntos fortes deste sistema é a súa capacidade para escoller automaticamente a ferramenta máis axeitada en cada paso, combinando un navegador visual, outro textual e acceso a API. Todo isto ten lugar nun contorno virtual illado e seguro, no que se respecta a privacidade e o control do usuario.
O axente require sempre a confirmación do usuario para executar accións sensibles, como enviar formularios ou acceder a información persoal. Ademais, introduce modos de observación obrigatorios en tarefas críticas e rexeita accións de alto risco como transaccións financeiras ou interaccións legais.
A nivel de rendemento, os resultados tamén avalan a súa utilidade: o axente de ChatGPT superou marcas anteriores en probas como Humanity’s Last Exam, SpreadsheetBench e WebArena, chegando a duplicar a eficacia de modelos previos como GPT‑4o ou Copilot en tarefas de análise de datos ou edición de follas de cálculo.
ChatGPT estrea axente para os usuarios de pagamento
Compartir Este Artigo

