Chega MiniTales, unha IA de contos personalizados creada polo galego David Pena
mércores, 26 de febreiro do 2025
O galego David Pena, fundador e director executivo (CEO) das redes sociais Peoople e 21 Buttons, vén de lanzar unha nova ferramenta que bota man da Intelixencia Artificial e que pon o foco nas familias e en incrementar as súas opcións de lecer e lectura. Trátase de MiniTales, que xorde para achegar ás nais e aos pais a posibilidade de achegar á rapazada un conto personalizado para cada noite. MiniTales, explica o desenvolvedor vigués, “entrelaza a narrativa máis tradicional coa Intelixencia Artificial” e faino a través dunha aplicación que se mergulla nun proceso colaborativo entre humanos e algoritmos para ampliar os límites da imaxinación.
MiniTales, engade, é unha ferramenta dixital que promove a lectura, unha aplicación móbil que ofrece ao usuario a posibilidade de xerar contos a demanda, personalizados, baixo as premisas que escolla. A app crea un breve relato para nenos de ata 11 anos segundo o pautado polos proxenitores, o que “a converte nun bo recurso para aprender e xestionar as súas emocións, podendo axudar aos pais para explicar a realidade”, sinala Pena, engadindo que MiniTales pode subministrar propostas tan específicas como “un conto sobre un neno que vai ter unha irmá”, ou “un conto sobre unha nena que rompe o xeonllo e debe deixar de bailar para sempre”, ou “un neno que perdeu aos seus avós”.
A aplicación posibilita tamén seleccionar os valores que queremos incluír no conto, como por exemplo diversidade, resiliencia, amor pola natureza, autoestima… Desta forma, “MiniTales ten por obxectivo poñer a Intelixencia Artificial ao servizo dos pais e dotalos dos recursos necesarios para facer do “momento conto” algo especial á vez que construtivo”, sinala o desenvolvedor vigués.
Diferentes estilos
MiniTales ofrece diferentes estilos narrativos, baseados nunha chea de autores, imposibilitando a opción de que haxa dous contos iguais. A compañía ten previstas varias fases de desenvolvemento do produto que permitan desenvolver a tecnoloxía respectando o vínculo afectivo entre pais e fillos e afastando aos nenos da parte negativa da tecnoloxía que supoñen as pantallas á hora de irse á cama. Para iso, MiniTales creará a opción de que os contos poidan ser locutados e que sexa posíbel escoitalos desde un altofalante conectado por bluetooth coa app.
MiniTales utiliza as últimas tecnoloxías en IA, como ChatGPT e DALL-E ou BedRock, o modelo de IA recentemente publicado por Amazon.
A compañía foi creada a finais de 2024 e conta xa con máis de 5.000 usuarios e entre os seus plans máis inmediatos conta con expandir a súa proposta de valor a 17 países antes do final de 2025, “dado que se trata dun modelo de negocio facilmente adaptábel internacionalmente”.
Detrás de MiniTales atópase como dixemos David Pena, ex CEO e fundador das redes sociais Peoople e 21Buttons, con máis de 28 millóns de usuarios entre ambas as. MiniTales é a terceira startup que Pena lanza ao mercado, nun momento, lembra, en que a maioría das propostas baseadas en Intelixencia Artificial están a afastarse das persoas e as súas necesidades do día a día: “O momento do conto é sagrado en calquera familia con nenos pequenos, pero ás veces podemos sentirnos limitados polos relatos tradicionais, que perpetúan estereotipos, polo gasto e a falta de espazo que ocasionan os libros físicos, ou porque nese momento non se nos ocorre nada que transmita os valores ou trate un tema en concreto que preocupe ao noso fillo”, asegurou David Pena, fundador e CEO de MiniTales.
A aplicación é gratuíta para os usuarios e inclúe unha versión premium ao prezo de 1,99 € ao mes. Xa está dispoñible para Android e para iOS.