Chega a España o Nexus 9

luns, 3 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Aínda que os novos produtos da familia Nexus se presentaron hai tres semanas non é até hoxe que a agardada tableta Nexus 9 está dispoñible dende España a prezos de 389 e 479 euros nas súas versións de 16 e 32 Gb respectivamente, mentres que o modelo con 32 Gb e LTE, cun prezo de 559 euros, aínda non está dispoñible para a súa compra.
Estamos ante un trebello cunha pantalla de 8,9 polgadas (cunha resolución de 2.048 x 1.636 píxeles) e Android 5.0 que aspira a converterse nun dispositivo válido tanto para o lecer como para tarefas de produtividade, polo que destaca pola súa grande potencia, xa que conta cun procesador nVIDIA Tegra K1 de 64 bits cunha gráfica Kepler de 192 núcleos. Esta tableta vén con 2 Gb de RAM, 16/32 Gb de almacenamento interno, cámara traseira de 8 Mpíxeles con enfoque automático e flash LED, cámara frontal de 1,6 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, NFC, altofalantes frontais duais, micrófonos duais (arriba e abaixo), un grosor de só 7,95 milímetros e un peso de 425 gramos, que permítenlle conseguir unha cómoda posición entre o iPad mini con pantalla Retina e o iPad Air 2, dos que se distinguiría máis no sistema operativo que nas súas prestacións.

PUBLICIDADE