Chega á FIC o gran evento internacional sobre as posibilidades da información a gran escala: Big Data Coruña 2017

mércores, 24 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Mañá e pasado mañá (25 e 26 de maio) celébranse na FIC da Universidade da Coruña unhas xornadas que nos achegan ao miolo da información e de como esta, en grandes formatos, pode axudarnos a facer que unha empresa funcione máis e mellor, que un proxecto tecnolóxico sexa máis eficiente e certeiro e que unha administración pública consiga ser máis eficaz e sustentábel en materia de recursos. Falamos de Big Data Coruña 2017, un evento organizado polos investigadores locais Amparo Alonso-Betanzos e David Martínez en colaboración coa Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data, a Rede Española de Big Data e Análise de Datos Escalables e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC. Participarán, entre outros especialistas internacionais, Paco Nathan (un dos meirandes expertos mundiais en información masiva con máis de tres décadas de experiencia na industria tecnolóxica) ou Ricardo Cao (catedrático da UDC e profesor de Estatística e Investigación de Operativa).
As xornadas fará fincapé nos xeitos máis eficaces de extraermos recursos de utilidade de toda a maré de información xerada a diario ao abeiro das redes e os sistemas TIC.
Segundo reflicte o CITIC, o Big Data é un dos eidos que máis interese está a espertar na actualidade, non só entre a comunidade académica, senón tamén entre as empresas, pola súa aplicación e a súa posta en valor nunha ampla variedade de ámbitos. Ademais, engade o centro tecnolóxico coruñés, “as técnicas de análise de coñecemento a gran escala son un valor en auxe que transforma datos en información clara e eficaz, permitindo un coñecemento detallado sobre procesos, clientes, etc”. Analizar todos estes ámbitos será o cometido de Big Data Coruña, amais de responder a preguntas como as que citamos de seguido: Canta información comparte o planeta nun único segundo? Cantos datos xeramos? Somos quen de xestionar todo isto?
Organizadores, máis en detalle
O evento Big Data Coruña 2017 está organizado por Amparo Alonso-Betanzos, presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC e coordinadora do grupo LIDIA do CITIC; e por David Martínez, investigador da área Big Data da University College London (UCL) e director da área de investigación de Spartan Data. Tamén conta coa colaboración da Xunta, o CITIC, a Rede Española de Big Data e Análises de Datos Escalables e a Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC.
Máis relatores
Amais de Paco Nathan e Ricardo Cao, as xornadas contarán coas intervencións de Gema Parreño (científica de datos en BBVA e co-deseñadora da rede Deep Asteroid para detectar o impacto de asteroids sobre a Terra), Hamid Bouchachia (que presentará resultados e experiencias do proxecto H2020 Proteus), Dimitrios Athanasakis (que achegará un relatorio centrado na xeración de contornas de traballo efectivas de desenvolvemento ML), Leslie Kanthan (que fará un percorrido polos avances recentes no uso da información a gran escala e o ensino automático no sector bancario), Michael Bassios (de Data Spartan, que falará sobre a tecnoloxía Blockchain) e David Martínez Rego (científico en Data Spartan e investigador da área Big Data da University College London).

PUBLICIDADE