Chega unha nova spin-off do CiTIUS centrada nas vantaxes da Intelixencia Artificial para a xestión: InVerbis

luns, 14 de decembro do 2020 Sonia Pena

O centro CiTIUS da Universidade de Santiago, centrado en tecnoloxías avanzadas de Intelixencia Artificial, vén de acoller o lanzamento oficial dunha nova iniciativa empresarial: a spin-off InVerbis, que irrompe no mercado co obxectivo de “revolucionar a xestión dos procesos das empresas”. En concreto, InVerbis centra a súa actividade nunha tecnoloxía que achega importantes aforros na xestión e que automatiza as operacións de xeito rápido e efectivo, facilitando os procesos de certificación. InVerbis Analytics, iniciativa constituída oficialmente o pasado venres 11, apóiase en técnicas de Intelixencia Artificial e de análise da información a gran escala.
Na cita, os responsábeis da nova spin-off puxeron o foco no se que sería o miolo da súa proposta de mercado: uns novos algoritmos orixinais abeirados ao ámbito da minería de procesos e que permiten xerar visualizacións e informes intelixentes á hora de avaliar como se están a executar os fluxos de traballo en industrias e servizos.
“Até a data, as empresas centráronse en calcular e coñecer os seus indicadores de desempeño, que son os que nos din se executamos mellor ou peor o noso traballo”, afirma Gonzalo Martín, director executivo (CEO) da nova compañía, engadindo que ficaba pendente unha materia que resolver, punto onde entra en xogo InVerbis: “Asociar o devandito coñecemento ás ás súas causas, ou sexa, entender de que forma se chegou a eses resultados”.

JPEG - 38.1 KB
Alejandro Ramos

Pola súa banda, Alejandro Ramos, doutor egresado do centro CiTIUS e novo director de I+D+i de InVerbis, destaca a calidade do produto: «Os nosos algoritmos están na vangarda internacional no campo, e permiten unha descrición profunda e detallada sobre a forma na que as empresas executan realmente as súas operacións. A nosa tecnoloxía pode competir con calquera operador mundial nesta categoría”, asegura Ramos, quen tamén quixo pór en valor “o importante esforzo de investigación que se realizou desde o CiTIUS coa axuda do Programa Ignicia da Xunta de Galicia”.
Senén Barro, director científico do CiTIUS e un dos investigadores que promoveron InVerbis, ademais de socio co-fundador da startup, xunto con Manuel Lama, Manuel Mucientes e Alberto Bugarín, recalcou tamén a importancia do Programa Ignicia de GAIN, a Axencia Galega de Innovación: “Permitiunos validar unha tecnoloxía en condicións moi parecidas á realidade do mercado, partindo de resultados de investigación suficientemente maduros. No noso caso fixo posíbel que anos de investigación en Intelixencia Artificial aplicada á analítica de procesos e a xeración de linguaxe natural poidan chegar ao mercado, facéndoo ademais a través dunha nova empresa altamente innovadora”, sinala.
Barro quixo salientar tamén que “Ignicia non só puxo capital económico para logralo, senón tamén capital relacional e intelectual para acompañarnos neste camiño”. O director científico do CiTIUS mostrábase orgulloso deste novo logro: “O noso centro é un claro referente na investigación de alto impacto que mellora o tecido produtivo e a sociedade, e ademais crea emprego de forma directa, a través da creación de empresas”.
No referente ao seu labor comercial, a empresa foi xa seleccionada polo Cluster de Automoción de Galicia para formar parte do seu programa Business Factory Auto, que porá á empresa en contacto con esta importante industria. “O sector automóbil sempre estivo na fronteira do coñecemento na aplicación dos métodos de xestión e mellora de procesos, polo que para InVerbis é unha lombeirada á hora de aplicar a nosa tecnoloxía”, celebran Gonzalo Martín e Alejandro Ramos.
InVerbis presta os seus servizos en dúas modalidades: a través dun portal SAAS (Software as a Service), válido para investigadores e expertos individuais, ou mediante versións personalizadas da súa tecnoloxía para consultores e empresas.

PUBLICIDADE