CiTIUS e CESGA renovan a súa alianza para levar a FINSA á vangarda da Industria 4.0
martes, 1 de outubro do 2019
Os
centros galegos CiTIUS e CESGA, ambos emprazados no Campus Sur de
Santiago e ambos referentes en TIC, seguirán unindo forzas para
implantar tecnoloxías intelixentes na Industria 4.0: tecnoloxías de
competitividade, rendibilidade, sustentabilidade, eficiencia e
automatización. Farano a
través dun proxecto conxunto, concreto, que collerá pulo coa
aplicación de novos recursos nunha empresa concreta: a madeireira
FINSA, tamén con sede principal en Santiago. Os detalles da
segunda fase do
proxecto Sistemas Intelixentes para a Industria 4.0 foron
presentados hoxe pola directora de GAIN, Patricia Argerey, en
Ourense, na sede de FINSA na cidade das Burgas.
Máis
polo miúdo, o acto tivo lugar nas instalacións da planta Orember
(FINSA), situada no polígono industrial San Cibrao das Viñas
(Ourense). Nunha visita guiada xunto aos responsábeis do proxecto,
representantes da compañía e os directores de CiTIUS e CESGA (Senén
Barro e Mauro Fernández Dabouza), a directora de GAIN tivo ocasión
de coñecer as vantaxes dos sistemas smart desenvolvidos polo
equipo de investigación coordinado polos científicos David Mera
(CiTIUS), Andrés Gómez (CESGA) e Santiago Recamán (FINSA).
Os
representantes dos dous centros composteláns coincidiron en
salientar a importancia da continuidade deste labor investigador,
insistindo “na necesidade de incorporar coñecemento técnico para
a procura de solucións 4.0 destinadas á industria galega”.
Pola
súa banda, a directora de GAIN, que preside tamén o padroado do
CESGA, puxo o foco na capacidade do proxecto para “pór en valor as
capacidades que posúe o noso sistema galego de innovación e,
particularmente, os nosos centros de coñecemento, que, grazas á
transferencia do seu coñecemento a industria, contribúen a mellorar
a competitividade do noso tecido produtivo e, por ende, da economía
galega”.
A
segunda fase desta contribución á Industria 4.0 parte na súa
andaina dos mellores precedentes: os bos resultados obtidos durante a
primeira fase da colaboración CiTIUS-CESGA-FINSA ao longo de dous
anos e medio. No transcurso deste período, os investigadores
traballaron a carón dos técnicos de FINSA no deseño de algoritmos
baseados en técnicas de Intelixencia Artificial (IA), co obxectivo
de controlar de xeito automatizado distintos procesos industriais na
planta Orember, “até o de agora de difícil control”. O reto
proposto pola empresa consistía en obter unha solución tecnolóxica
á medida que puidese mellorar a calidade dos seus produtos,
aproveitando a inxente cantidade de información xerada durante a
fabricación dos taboleiros de Fibra de Densidade Media (MDF, polas
súas siglas en inglés), empregados na construción de mobiliario
moderno.
Como
resultado deste traballo cooperativo, asinouse hoxe un novo contrato
de investigación de cinco anos de duración, que manterá esta
actividade científica nas dúas institucións contratadas: o Centro
Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da
Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS) e o Centro de
Supercomputación de Galicia (CESGA). A sinatura da alianza
posibilitará afondar no uso en fábrica das tecnoloxías de
Intelixencia Artificial, Big Data e computación de altas
prestacións, poñéndoas ao servizo do conxunto de procesos de
fabricación necesarios para obter o produto de calidade demandado
polos clientes.