Cinco centros da USC abren as súas portas á cidadanía na VIII edición da Ciencia Singular
venres, 22 de novembro do 2024
Con vontade de fomentar vocacións científicas desde idades temperás volta a celebrarse a oitava edición de Ciencia Singular, na que a Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) volta a abrir as súas portas á cidadanía este sábado 23 de novembro.
Desta volta, este encontro trae novidades, como a incorporación do CRETUS (Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais), que se sumou este ano a CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE como membro da rede CIGUS da Xunta de Galicia que acredita a calidade e impacto da investigación destes centros.
Deste xeito, na xornada deste sábado 27 de novembro persoas de todas as idades percorrerán as instalacións dos cinco centros da USC para coñecer, da man do seu persoal investigador, o labor científico punteiro que se desenvolve alí a cotío.
É preciso inscribirse previamente na páxina web para participar nas actividades, na mesma páxina atoparanse os programas e horarios da xornada.
Nesta Ciencia Singular haberá tempo para charlas divulgativas, visitas guiadas, obradoiros e experimentos en áreas como a Química, as Tecnoloxías Intelixentes, a Medicina Molecular, a Física ou as Ciencias Ambientais.
Achegándonos aos centros participantes nesta xornada, o CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) contará con investigadores sénior e júnior, voluntarios e técnicos do centro, que unirán esforzos para achegar investigacións dirixidas a afrontar desafíos urxentes en saúde, sustentabilidade e outros retos sociais que se desenvolven nos laboratorios de Eugenio Vázquez, Pablo Del Pino, María Tomás e Manuel Souto. Mentres os cativos gozarán xogando coa ciencia nos obradoiros infantís.
En canto ao CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas), achegará para os máis novos (crianzas de 6 a 11 anos) os obradoiros de Ciencia Divertida, no que experimentarán coa auga máxica de cor cambiante, elaborar o seu dentífrico natural e explorar o mundo das células animais e vexetais a través do microscopio. Tamén se incluirán charlas divulgativas sobre temas de saúde e avances médicos para todos os públicos, que se retransmitirán en directo a través da canle de Youtube do CiMUS. Falarase de: doenzas raras (Ángel Carracedo), tratamentos innovadores como a Protonterapia (Yolanda Prezado), prevención de enfermidades cardíacas (José Ramón González Juanatey) e a investigación en Párkinson (Ana Isabel Rodríguez). O público adulto poderá visitar o laboratorio da plataforma Innopharma, así como obradoiros sobre o sistema nervioso e a figura científica de Santiago Ramón y Cajal, etc. Presentarase o proxecto de mecenado Sumo Valor da USC, enfocado no desenvolvemento de nano-radiofármacos para combater o glioblastoma (o tumor cerebral máis agresivo).
O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) incluirá este sábado: charlas inspiradoras, demostracións interactivas e obradoiros prácticos, cunha estrutura pensada para persoas adultas e crianzas a partir de 6 anos. Entre as charlas divulgativas para adultos están: Realidade Virtual: da nanociencia a experiencias cercanas á morte, a cargo de David Glowacki, investigador ERC – Oportunius do centro, ou Tecnoloxías da lingua e humanismo: o papel da lingüística na Aprendizaxe Automática, impartida pola investigadora posdoutoral Albina Sarymsakova. As demos para adultos darán a coñecer casos de uso reais con Intelixencia Artificial e outras innovacións. Game-CITIUS: a Intelixencia Artificial que aprende xogando, Nas profundidades da nanoscala: achegando o diminuto ao mundo real ou Cámaras que saben cando te moves e Aprendizaxe Federada: as IAs aprenden xuntas. As crianzas terán o seu espazo en obradoiros como Batalla de robots (onde programarán máquinas autónomas); Crea o teu propio videoxogo (deseñarán o clásico Snake cunha consola personalizada); Carreira de LEDs (experimentar con luces e patróns dinámicos) e Iniciación á Electricidade (onde aprenderán conceptos básicos montando circuítos simples de forma lúdica e educativa).
O IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías), estrea nova sede situada na ala sur do edificio Monte da Condesa. Introducirase á cidadanía nos misterios da materia ou os fenómenos do universo así como experimentos desenvolvidos en grandes instalacións internacionais como o CERN, Pierre Auger, LIGO, FAIR, GANIL, NEXT ou DUNE. Haberá charlas para os adultos (a morte das estrelas, os buracos negros, o gran reto da construción dos futuros aceleradores de partículas ou sobre o movemento gatuno). Asemade, tamén se contará cun programa para a rapazada de entre 6 e 12 anos: espectáculos físico-musicais sobre a composición da materia, obradoiros de construción de partículas elementais e átomos en tres dimensións. Todos os asistentes poderán mergullarse nun observatorio mediante realidade virtual para ver os invisíbeis raios cósmicos, coñecer os novos laboratorios do Instituto e visitar o Laboratorio Láser de Aceleración e Aplicacións.
No caso do CRETUS (Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais da USC) dará a coñecer a súa actividade de I+D organizando un programa tanto para adultos como para a cativada con temas como as ameazas aos nosos mares, solucións para conseguir solos saudábeis e auga segura e alternativas para acadar cidades e industrias sostíbeis. Terán lugar conferencias temáticas e charlas sobre o impacto do lixo no mar, a implicación social nos proxectos tecnolóxicos, a presenza do radon en Galicia, a obtención de bioplásticos a partir de residuos ou problemas de contaminación na antigüidade. Para o público infantil haberá cinco obradoiros baixo o título: O planeta precisa de nós. Fagamos equipo!, para espertar o seu interese sobre o coidado do planeta.