Clawdbot muda de nome por segunda vez nunha semana

venres, 30 de xaneiro do 2026 Marcus Fernández

Ao proxecto de código aberto nacido como Clawdbot non parece chegarlle a atención captada nos últimos días ao achegarnos unha ollada ao que serán os asistentes de IA no futuro, senón que tamén está a converter o seu nome en todo un drama, primeiro cambiándoo a Moltbot e logo optando por un nome claramente diferenciado, OpenClaw, sen problemas con outras marcas rexistradas e deixando clara a súa esencia: que estamos ante un proxecto de código aberto e mantendo certa ligazón coa lagosta que empregan como marca.
OpenClaw é o nome co que responde agora esta plataforma aberta que permite converter un ordenador nun axente de IA que controlar a través de aplicacións de mensaxería, para facilitar a súa dispoñibilidade en calquera lugar, coa facilidade de que o usuario é quen decide practicamente todo: onde corre o axente, que datos manexa, con que modelos de IA corre...
O responsable do proxecto tamén anuncia que co cambio de nome aproveitaron para introducir numerosas melloras de seguridade, o que continúa a ser o principal punto feble deste tipo de solucións, que distan moito de ser un produto final.
Temos que ver OpenClaw como un produto de laboratorio, en pleno desenvolvemento, que naceu no mes de novembro de 2025, polo que está moi lonxe de ser unha solución que poidamos empregar como usuarios finais, pero serve para experimentar co potencial dos axentes de IA, sentando bases para outros desenvolvementos semellantes e servindo de catalizador para o sector da IA.