Clawdbot amósanos como serán os asistentes de IA no futuro

luns, 26 de xaneiro do 2026 Redacción

Nas últimas semanas está a captar moita atención unha variante de Claude Code, o grande modelo de linguaxe que axuda con tarefas de programación informática, chamada Cowork, que permite aplicar as capacidades de axente de IA a equipos informáticos para tarefas como organizar ficheiros, recompilar información de varios documentos para crear un informe ou incluso realizar unha folla de calculo partindo dunha serie de capturas de pantalla de recibos de compras realizadas para facilitar a súa contabilidade.
Pero esta ferramenta de Anthropic, aínda en pleno desenvolvemento, xa ten un competidor moi prometedor chamado Clawdbot, que para moitos é o mellor exemplo do que a IA poderá facer no futuro para axudarnos no noso día a día, e que como curiosidade ten o feito de que é posible interactuar co sistema a través dun chat ou mediante aplicacións de mensaxería instantánea (WhatsApp e Telegram).
Un dos artigos que máis contribuíu a situar Clawdbot no radar mediático foi publicado recentemente en MacStories polo seu editor xefe, Federico Viticci, que relata a súa experiencia cun asistente persoal dixital que, en palabras do propio autor, lle fixo reflexionar sobre o que significa realmente contar cunha IA persoal avanzada en 2026. Durante varias semanas, Viticci traballou cun asistente ao que bautizou como Navi, capaz de lembrar o seu nome, as súas rutinas diarias, as preferencias de uso de ferramentas como Notion ou Todoist e, ao mesmo tempo, controlar servizos e dispositivos tan diversos como Spotify, altofalantes Sonos, luces Philips Hue ou o correo electrónico de Gmail.
A particularidade deste asistente non reside só nas súas capacidades, senón na forma en que está construído. Navi funciona sobre o modelo Claude Opus 4.5, pero a interacción realízase a través de Telegram, incluíndo mensaxes de texto e notas de voz, ás que responde tamén con audio xerado mediante un sistema avanzado de síntese de voz. Ademais, todo o sistema está a executarse nun Mac mini con chip M4 configurado como servidor persoal, o que lle permite ao asistente mellorar as súas propias funcións e adaptarse progresivamente ás necesidades do seu usuario.
Clawdbot, o proxecto de código aberto que fai posible este tipo de configuracións, defínese por dúas ideas clave. Por unha banda, é un axente baseado en grandes modelos de linguaxe que se executa localmente no ordenador do usuario e pode empregar distintos provedores de IA. Pola outra, actúa como unha pasarela que permite comunicarse con ese axente desde aplicacións de mensaxería xa existentes, evitando a necesidade de instalar unha nova aplicación específica. Para Viticci, esta integración contribúe a reforzar a sensación de estar a falar cun asistente real, presente nos mesmos espazos dixitais que xa forman parte da vida cotiá.
A execución local é, porén, o elemento máis diferencial. Clawdbot garda configuracións, preferencias e memoria do usuario en forma de carpetas e documentos Markdown accesibles directamente no sistema de ficheiros. Isto fai que o asistente sexa completamente transparente e modificable: pódese axustar manualmente ou pedirlle á propia IA que cambie aspectos do seu funcionamento. Ao ter acceso ao sistema operativo, tamén pode executar comandos de Terminal, crear scripts, instalar novas capacidades e conectarse a servizos externos, sempre que conte cos permisos adecuados.
Especialmente significativa é a capacidade de Clawdbot para crear novas funcións simplemente a partir dunha orde en linguaxe natural. Se o usuario quere unha integración concreta ou unha automatización específica, pode solicitala directamente, e o sistema encárgase de investigar, configurar e poñer en marcha a solución. Isto inclúe desde transcrición automática de mensaxes de voz ata respostas faladas multilingües, algo que, segundo destaca Viticci, segue a estar fóra do alcance de asistentes comerciais amplamente implantados.
O autor recoñece que o uso continuado de Clawdbot resulta ao mesmo tempo estimulante e inquietante. A sensación de poder facer que o computador “faga cousas” simplemente falando con el, de aprender sobre sistemas, automatizacións e servizos web mentres se utiliza a ferramenta, supón unha experiencia formativa e aditiva. Tamén abre interrogantes de fondo sobre o futuro do software tradicional, das tendas de aplicacións e do papel dos desenvolvedores, nun escenario no que un asistente persoal podería crear solucións a medida para cada usuario en cuestión de minutos.
Clawdbot, polo de agora, segue a ser un proxecto de nicho, pensado para usuarios con curiosidade técnica e ganas de experimentar. Con todo, o seu impacto vai máis alá do número de persoas que o empregan hoxe. Funciona como un adianto dunha tendencia máis ampla: a dos asistentes persoais altamente personalizables, capaces de acceder ao noso propio ordenador e adaptarse en tempo real ás nosas necesidades.
Cómpre lembrar que este tipo de solucións están moi lonxe de poder empregarse con seguridade, sendo extremadamente vulnerables a ataques que poden comprometer seriamente ao usuario, polo que non deberían empregarse máis aló de escenarios de proba ben delimitados.

Cada mañá, Clawdbot envíalle a Federico Viticci un informe diario baseado no seu calendario, Notion, Todoist e outros servizos. Ademais, remítelle cada día unha versión en audio dese informe que inclúe ilustracións divertidas creadas por Nano Banana.