Consumo pecha a billa a Polymarket e Kalshi en España

martes, 26 de maio do 2026 Redacción

O Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 abriu expediente sancionador contra as plataformas de predición Polymarket e Kalshi por unha posible infracción da normativa do xogo, ao considerar que estarían operando en España sen a preceptiva habilitación administrativa. Xunto coa apertura do expediente, a Dirección Xeral de Ordenación do Xogo (DGOJ) ordenou o bloqueo cautelar das páxinas web de ambas plataformas en territorio español ata que exista unha resolución definitiva.
A notificación do expediente fíxose pública este martes a través do Boletín Oficial do Estado, despois de que fracasasen os intentos de comunicación directa cos operadores nos domicilios coñecidos no estranxeiro. O procedemento administrativo podería resolverse nun prazo estimado de entre tres e catro meses.
Estas plataformas funcionan como mercados de predición nos que os usuarios compran e venden participacións vinculadas ao resultado de eventos futuros. Os prezos destas participacións reflicten a probabilidade atribuída a cada posible resultado, nun sistema tamén coñecido como apostas cruzadas. A diferenza das apostas tradicionais, os usuarios operan entre si mentres a plataforma actúa como intermediaria e obtén ingresos mediante comisións polas transaccións.
Os mercados de predición empréganse habitualmente para anticipar acontecementos como eleccións, indicadores económicos, resultados deportivos ou fenómenos meteorolóxicos, a partir da interacción colectiva dos participantes.
A DGOJ lembra que en España, do mesmo xeito que noutras xurisdicións europeas, este tipo de plataformas considéranse xogos de azar cando permiten apostar sobre resultados futuros incertos. Por ese motivo, a súa explotación require dunha licenza administrativa específica.
O organismo tamén advirte de que os operadores sen autorización non ofrecen as garantías técnicas e regulatorias esixidas pola normativa española, entre elas sistemas de verificación de identidade, mecanismos para impedir o acceso de menores de idade ou de persoas autoexcluídas, así como estándares de supervisión orientados á protección dos usuarios.