Coruña Bloggers celebra o seu 10º aniversario o vindeiro sábado

luns, 1 de xuño do 2026 Redacción

A comunidade Coruña Bloggers celebrará o vindeiro 6 de xuño unha edición especial co gallo do seu décimo aniversario, convertendo o Espazo Avenida de Abanca nun punto de encontro para profesionais e afeccionados á comunicación dixital. A cita desenvolverase entre as 10:00 e as 19:00 e xa supera os 160 inscritos, despois de que o aforo inicial se completase cando aínda faltaba un mes para a súa celebración. A organización decidiu ampliar a capacidade e asegura que apenas quedan invitacións dispoñibles, que poden reservarse de balde.
A décima edición preséntase como a máis ambiciosa da historia da comunidade, cun programa que incluirá sete horas de actividade, oito conferencias e entrevistas, máis dunha decena de relatores, xogos interactivos, sorteos, actuacións, espazos de networking e diversas sorpresas para conmemorar unha década de actividade.
Entre os participantes estará a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que manterá unha conversa coa xornalista Lara Vivero sobre comunicación institucional e redes sociais. Tamén intervirá Francesc Pumarola, director de comercio electrónico de Estrella Galicia, para analizar os desafíos actuais do comercio electrónico.
O programa completarase con intervencións de Emma Sexto, que abordará a difusión da cidade nas redes sociais; Diana Pardo, que falará sobre liderado emocional e intelixencia artificial; Víctor Salgado, cun relatorio centrado na ciberseguridade; e Eva Añón, especialista en redes sociais chegada desde Mallorca, que analizará a relación entre creatividade e IA.
A xornada rematará cun diálogo sobre a evolución de Internet durante a última década no que participarán Javier Pedreira Wicho, creador de Microsiervos e divulgador tecnolóxico, e Marcus Fernández, webmaster de Código Cero.
A presentación e condución do evento correrán a cargo do xornalista Alfonso Hermida e do divulgador Santi Rey. O encontro busca celebrar o percorrido dunha iniciativa que, desde o seu nacemento hai dez anos, se consolidou como un dos principais espazos de aprendizaxe, intercambio de coñecemento e creación de contactos profesionais na cidade.
O aniversario manterá tamén o seu carácter solidario. A asistencia é gratuíta, aínda que a organización anima os participantes a achegar polo menos tres quilogramos de alimentos non perecedoiros para a súa entrega á Cociña Económica da Coruña. O obxectivo marcado para esta edición é alcanzar media tonelada de produtos doados. Nas 34 edicións anteriores, Coruña Bloggers conseguiu reunir xa máis de 3.000 quilogramos de alimentos.
A xornada concluirá coas tradicionais #CoruñaBloggersBeers, unha reunión informal nun establecemento próximo para continuar as conversas, compartir ideas e celebrar os dez anos de traxectoria da comunidade.