CyberSec@GAL pecha a súa segunda entrega poñendo o foco na ciberseguridade e o teletraballo

xoves, 5 de novembro do 2020 Redacción

A segunda edición do evento CyberSec@GAL, dirixido a converter a nosa terra no centro do traballo conxunto a prol dunha Sociedade da Información máis e mellor protexida, pechou este xoves as súas portas (virtuais), logo dunha manchea de faladoiros e presentacións centrados de xeito específico no ámbito da ciberseguridade en tempos de teletraballo. Participaron arredor de 350 persoas seguindo de xeito online a xornada, na que, entre outras cousas, presentouse o capítulo galego do ISMS Forum (Asociación para o Fomento da Seguridade da Información) e máis o nodo CIBER.gal da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).
Veu da man da Cátedra R en Ciberseguridade (iniciativa das Universidades da Coruña -UDC- e Vigo -UVigo- e máis R), do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG).
O director corporativo Empresas de R e do Grupo Euskaltel, Isidro Fernández de la Calle, xunto a Mar Pereira, directora da AMTEGA, Fernando Suárez, presidente do CPEIG, e máis o voceiro do ISMS Forum, Roberto Baratta, presentaron esta mañá a xornada de clausura do segundo foro CyberSec@GAL, que quixo converter a Galicia en referente no ámbito da protección tecnolóxica, e que desta volta detívose na normativa, solucións, retos e riscos de seguridade na contorna dixital do teletraballo.
Na apertura do acto, Isidro Fernández de la Calle puxo o acento na “importancia que en poucos meses acadou o teletraballo como modalidade laboral da man das novas tecnoloxías”. O das telecomunicacións -engadiu o directivo de R- “é un eido fundamental na nosa sociedade dende hai anos e na conxuntura actual da pandemia vén de revelarse coma sector esencial con máis rapidez e intensidade que nunca. Falamos dun alicerce imprescindíbel para superar o foxo que está a supoñer para todos e todas nós a crise sanitaria provocada pola COVID-19, que ten trastocado de súpeto as nosas vidas”.
Pola súa banda, Mar Pereira salientou que “a ciberseguridade é un elemento clave no proceso de transformación dixital que estamos a vivir e un dos vectores sobre os que elaboramos a Estratexia Dixital de Galicia da década 20-30. Estratexia que ante a crise do coronavirus, adquire unha importancia renovada, pois as tecnoloxías dixitais convértense nun facilitador positivo para responder ás novas regras de xogo. Neste escenario vimos de poñer en marcha o Nodo de Ciberseguridade de Galicia, instrumento de cooperación ao que se suman a FEGAMP, as catro deputacións e dous ministerios, e aberto á adhesión doutros axentes públicos e privados para impulsar a concienciación e a formación de cidadáns e empresas, dándolles resposta a retos complexos e promovendo a xeración de talento neste eido que aglutina as capacidades existentes”.
Fernando Suárez subliñou que, malia a progresiva dixitalización da nosa contorna “non existe conciencia dabondo sobre a importancia de protexer os datos que manexamos para levar a cabo estratexias de ciberseguridade que nos axuden a ter unha vida online máis protexida” (...) Suárez apuntou tamén á importancia das iniciativas públicas que se están a desenvolver neste eido e que poñen de manifesto que España está en camiño de consolidar a súa posición “como un dos polos europeos empresariais que ten entre os seus obxectivos crear 20.000 novos especialistas en ciberseguridade, Intelixencia Artificial e datos”.
Roberto Baratta, representante do ISMS Forum en Galicia dixo que “máis que nunca, no medio dunha situación de crise e pandemia, con altos niveis de incerteza, onde predomina a aceleración dixital e o teletraballo masivo, e onde as relacións son cada vez máis e máis dixitais, a ciberseguridade volve aparecer na parte máis alta dos riscos do ámbito persoal, profesional, laboral, administrativo, empresarial, etc. Este encontro propón adicarlle un momento á reflexión e ao debate sobre o que, o como, o cando e o onde esta función achega valor nunha situación tan complexa”.
Riscos do teletraballo
Baixo o lema Riscos do teletraballo e orientada especialmente ao ecosistema empresarial, a xornada correu da man de expertos nacionais e internacionais que comentaron aspectos diversos no terreo da ciberseguridade nestes tempos de teletraballo. Diferentes perspectivas ofrecidas a un auditorio
dunhas 350 persoas de entidades e empresas que seguiron o foro en formato integramente online en resposta aos requirimentos da crise do coronavirus.
Olaf M.Maennel, profesor de ciberseguridade neste departamento da Universidade Tallinn de Tecnoloxía de Estonia, pensa que “moitas persoas lembrarán 2020 como o ano no que coñeceron máis a educación en liña, o teletraballo e os riscos da ciberseguridade. Pero en realidade, de todos os temas que apareceron nas noticias recentemente, só o virus é novo; o resto deles xa se debateron antes. Hai anos xa que se prognosticou a substitución da educación superior polos MOOC (cursos online masivos e abertos), as oficinas no fogar son obxecto de deducións fiscais en moitos países dende hai moitos anos, os ataques cibernéticos van en aumento dende hai un tempo. Aínda así, esta nova normalidade está a debaterse na nosa sociedade como algo que nos cambiou de maneira irreversíbel a todos e todas. O que realmente cómpre arestora é reflexionar sobre cales son as nosas oportunidades e retos nesta contorna”.
Susana Rey, salientou que “dende o capítulo galego de ISMS Forum estamos convencidos de que podemos achegar moito en ciberseguridade e na área da privacidade ao ecosistema económico galego. Por iso agradecémoslle moito a CyberSec@gal a súa aproximación a sectores coma o académico, pemes ou administracións públicas. Para que poidan coñecer tamén os recursos que a nosa asociación pon ao seu dispor e convidalos a colaborar connosco nas diferentes áreas de actuación que temos habilitadas”.
Carlos Escudero, director da Área de Informática da UDC salientou, na mesa debate sobre os Riscos do teletraballo, o cambio radical que a crise sanitaria implicou, en tan só uns días, no xeito de funcionar da Universidade, onde todos os axentes implicados (alumnos, docentes, administrativos, investigadores...) tiveron “que realizar unha transformación no seu xeito de traballar, abandonando a presencialidade en favor do acceso remoto a recursos de maneira descoñecida para a meirande parte da xente (...)”
Escudero incidiu en que os riscos informáticos, ante o incremento da actividade telemática, constitúen unha ameaza engadida a esta situación crítica.
Na mesma mesa participaron José Andres Freire Dapena, xefe do Departamento de Implantación e Xestión do Cambio da AMTEGA, Marco Lozano, responsábel de Empresa de INCIBE, Antonio Fernandes, responsábel de Ciberseguridade de FINSA e Pedro Santamaría, responsábel de Sistemas de ROEIRASA.
Pechou esta segunda edición de CyberSec@GAL a profesora viguesa Carmela Troncoso, enxeñeira de Telecomunicacións e investigadora especialista en privacidade, mestra na Escola Politécnica Federal de Lausana, en Suíza, e internacionalmente recoñecida por dirixir o equipo europeo que traballa no protocolo da aplicación de rastrexo de contaxios da COVID-19 coa meta primeira de non comprometer a privacidade da cidadanía. A profesora Troncoso dixo que “a axuda da tecnoloxía é algo estupendo, pero é importante que cando a utilicemos non se xere un novo problema. Por iso cómpre buscar sempre novas maneiras de deseñar solucións tecnolóxicas”.
Catro días de actividades
CyberSec@GAL comezou a súa andaina desta segunda edición o pasado luns, impulsado de novo pola Cátedra R en Ciberseguridade, o CPEIG e o COETG e coa colaboración da AMTEGA e o Centro Tecnolóxico Gradiant. E desta volta, o evento desenvolveuse irmandado co I Foro de Ciberseguridade de Galicia, que de maneira complementaria celebrouse este xoves 5 da man do capítulo galego do ISMS Forum e dirixido a un público máis técnico e especializado.
Segundo informaron as ditas entidades, CyberSec e ISMS Forum camiñarán da man en Galicia dende este momento, “complementándose e reforzándose, para fornecer a comunidade do coñecemento e dos recursos necesarios que permitan avanzar no eido da ciberseguridade”.

PUBLICIDADE