Digg prepara o seu relanzamento

mércores, 5 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Kevin Rose e Alexis Ohanian nunha fotografía de Julien Lasseur

En 2004 naceu Digg, unha plataforma de agregación de novas de xeito colaborativo que serviu de inspiración a proxectos como Menéame e Chuza, e que, tras conseguir audiencias millonarias ao converterse para moitos na páxina de inicio da Internet, vendeuse en 2012 a Betaworks.
A plataforma foi perdendo pulo, mentres que competidores como Reddit conseguían consolidarse, e precisamente un dos fundadores desta compañía, Alexis Ohanian (apoiado por Seven Seven Six), vén de unir forzas co fundador de Digg, Kevin Rose (apoiado por True Ventures), para facerse de novo coa marca e preparar o relanzamento de Digg cunha nova visión que quere restaurar o espírito de descubrimento e comunidade que caracterizaba á Internet antes da emerxencia das plataformas de redes sociais actuais, nas que impera a desinformación, a crispación e o spam.
Digg pretende converterse nun destino en liña cunha base centrada na humanidade e na conexión. Os convites para a nova versión de Digg comezarán a enviarse nas vindeiras semanas, estando xa dispoñible unha páxina web na que podemos inscribirnos para recibir información sobre o prometedor relanzamento.
Aseguran que o novo Digg diferenciarase doutras plataformas apostando polas innovacións en intelixencia artificial para mellorar a experiencia do usuario e crear unha alternativa centrada nas persoas, que dea prioridade á transparencia, valore o esforzo humano e fomente discusións enriquecedoras. Apoiarase na nostalxia dos bos tempos de Digg, pero incorporando características que non eran posible coa tecnoloxía do momento.
Para celebrar o relanzamento de Digg e debater sobre o tema, Kevin Rose e Alex Albrecht participarán o vindeiro sábado nun episodio en directo do podcast Diggnation (que dixera adeus a finais de 2011).