Dioivo bota a camiñar apostando por un cambio no clima... e na comunicación galega
xoves, 1 de marzo do 2012
Seguimos coa seca climatolóxica, pero non de webs. Isto vén a conto por dous motivos: porque con esta semana botou a andar oficialmente Dioivo, un novo medio dixital galego, e tamén porque falando de seca é precisamente como se estrea a nova canle. Cómpre lembrar que o termo dioivo, para que non o saiba, fai referencia á circunstancia meteorolóxica pola que máis agardamos estes días as galegas e os galegos: unha boa chuvia bíblica que enchoupe e que, segundo nos dan a entender os responsábeis da nova canle, axude a reconducir o panorama comunicativo galego.
A idea que sustenta a web non é outra que inverter as forzas que levaron en 2011 ao peche de diversos medios de comunicación galego, ben por falta de axudas ou simplemente de perspectivas reais de crecemento. Dioivo xorde pois como “un medio de urxencia no que triúnfen as historias que a xente quere ler”, ao que engadir o espírito de independencia que lle dá alento. Segundo engade o equipo de redacción, estamos ante “un artefacto sen pretensións onde elaborar información crítica, irreverente e transxénero”.
Dioivo, que se estrea falando de seca pero tamén dun abano variado de eixes temáticos (política, creación, sociedade... mesmo deportes), vén da man dunha asociación cultural do mesmo nome, que responde á arela común de regularizárense como entidade-colectivo sen ánimo de lucro. "Trátase dunha unión temporal de xornalistas para crear con voluntarismo e esforzo propio un espazo, unha revista dixital, que dea un punto de vista diferente da realidade que vivimos", contou recentemente Marga Tojo, presidenta da Asociación Cultural Dioivo. A web, que se apoia en licenzas abertas Creative Commons e máis nas achegas dos diferentes integrantes da asociación (cada vez máis grande), foi desenvolvida polos seus propios impulsores, co axuda de Pancho Lapeña.