Disney+ abre inscricións a prezo reducido

luns, 24 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

O vindeiro 24 de marzo botará a andar en Alemaña, Austria, Francia, Irlanda, Italia, Reino Unido, Suíza e España o servizo Disney+, que actualmente xa está dispoñible en Australia, Canadá EE.UU., Países Baixos e Nova Zelandia con grande éxito, e que quere desembarcar aquí co mesmo pulo, de aí que hoxe mesmo veñan de lanzar unha oferta por tempo limitado para instar á subscrición impulsiva, xa que permite contratar Disney+ durante un ano por 59,99 euros, prezo que será de 69,99 euros/ano ou 6,99 euros/mes tras o lanzamento oficial do servizo, ou sexa, que supón un aforro de máis do 16% da cota anual e do 30% da conta mensual.
Disney+ chegará con máis dun milleiro de películas, series e contidos orixinais de Disney, Pixar, Marvel, Star Wars e National Geographic, permitindo a reprodución en dispositivos móbiles con iOS e Android, mediante Chromecast e AirPlay, Amazon Fire TV, PlayStation 4, Xbox One, televisores conectados de Samsung e LG de 2016 en adiante, e en ordenadores persoais a través do navegador Google Chrome. O servizo permite crear até 7 perfís de usuario, reproducir contidos en até 4 dispositivos simultáneos e almacenar contidos para a súa reprodución fóra de liña en até 10 dispositivos, polo que sería un dos servizos deste tipo máis flexibles do mercado, o que parece atender principalmente a súa condición de servizo para toda a familia (contando tamén coa posibilidade de crear perfís infantís, para limitar o acceso a certos tipos de contidos en función da idade do espectador).

PUBLICIDADE