Disney e Universal denuncian a Midjourney

mércores, 11 de xuño do 2025 Redacción

As multinacionais Disney e Universal presentaron unha demanda conxunta contra a empresa de intelixencia artificial Midjourney, á que acusan de infracción directa e indirecta de dereitos de autor por utilizar sen permiso os seus personaxes e contidos protexidos para adestrar e operar o seu servizo de xeración de imaxes mediante IA.
A denuncia, rexistrada no Tribunal Federal do Distrito Central de California, sinala que Midjourney actúa como un dispensador virtual que permite aos usuarios xerar imaxes de personaxes icónicos como Darth Vader, Iron Man, Elsa ou os Minions, sen contar coa autorización das compañías propietarias deses dereitos. A tecnoloxía da empresa permite crear e descargar ilustracións de alta calidade con só introducir descricións textuais, un servizo que, segundo os demandantes, se sustenta nun uso masivo e non autorizado das súas creacións.
«A pirataría é pirataría, e que se faga con intelixencia artificial non a fai menos ilegal», afirman Disney e Universal no documento de máis de cen páxinas, onde aseguran que Midjourney obtivo ingresos de 300 millóns de dólares en 2024 aproveitándose do seu contido sen investir «nin un centavo» na súa creación.
Ademais, as compañías critican que Midjourney, a pesar de ter capacidade técnica para evitar a xeración de imaxes que vulneren os dereitos de autor (como xa fai con contido violento ou sexual), optou por non aplicar ese tipo de limitacións ao seu sistema. A nova versión da ferramenta, lanzada este abril, mantén a xeración de imaxes infractoras, e mesmo se anuncia un próximo servizo de vídeo con funcionalidades similares.
Disney e Universal reclaman danos e prexuízos, a eliminación inmediata das imaxes infractoras, a adopción de medidas tecnolóxicas de protección e, no caso de que se demostre a infracción intencionada, ata 150.000 dólares por obra afectada. Tamén solicitan a prohibición da futura posta en marcha do servizo de vídeo se este continúa baseándose en contidos protexidos sen licenza.
A denuncia prodúcese nun contexto de crecente tensión entre os propietarios de contidos e as plataformas de IA que utilizan obras alleas para adestrar modelos sen autorización expresa. Prodúcese unha clara colisión de intereses na que os propietarios de dereitos de propiedade intelectual ven como se fai un uso non autorizado das súas obras mentres que as compañías de IA están a exercer presión para conseguir unha moratoria que durante a emerxencia desta tecnoloxía lles garanta vía libre para non perder posicións na carreira da IA.