Dispárase o custo das cabinas telefónicas

martes, 12 de decembro do 2017 Marcus Fernández

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia leva tempo criticando a consideración das cabinas telefónicas como servizo universal, por ser un servizo innecesario e caro, e para ilustrar o tema publicaron hoxe no seu blog oficial un artigo no que desvelan que durante 2015 o custo de manter as cabinas foi de 2,07 millóns de euros, cantidade que non parou de medrar nos últimos 4 anos (nos anos anteriores custaba 1,33, 1,20 e 0,40 millóns de euros).
O Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital convocou un concurso para o mantemento das cabinas como servizo universal, que quedou deserto, polo que tiveron que forzar a Telefónica a facerse cargo até o 31 de decembro de 2018. Queda agora por ver se durante o ano que vén modifican a normativa para reformular o servizo universal e eliminar as cabinas, como pretende a CNMC, o que tamén poderían aproveitar para dicir adeus a outro produto obsoleto, como serían as guías telefónicas en papel.

PUBLICIDADE