DomusVi e o CITIC fixan novas liñas de colaboración en envellecemento activo

martes, 15 de outubro do 2019 Redacción

O responsábel de I+D+i da rede de residencias de maiores DomusVi, Roberto González Novas, visitou os días pasados as instalacións do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, o CITIC. Durante a visita, González puido coñecer as capacidades de investigación e de transferencia tecnolóxica que ten o centro para abordar proxectos no ámbito da saúde, do envellecemento activo e da discapacidade mediante o desenvolvemento de solucións innovadoras. A estadía serviu para establecer novas liñas de colaboración e comezar a traballar en futuros proxectos que permitan mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas.
A experiencia tivo precedentes directos no traballo conxunto do CITIC e DomusVi levado a cabo ao abeiro do proxecto Geria-TIC, que ten o obxectivo de aplicar as novas tecnoloxías e o medicamento participativo para favorecer o empoderamento das persoas maiores e o envellecemento activo.
DomusVi é a maior rede de centros e servizos de atención ás persoas, onde ademais de ofrecer atención especializada a persoas maiores e de saúde mental, apóstase pola importancia da impulsar con actividades avanzadas a calidade de vida nas persoas maiores e evitar, deste xeito, a deterioración asociada á idade e previr patoloxías derivadas do sedentarismo.

PUBLICIDADE