Dos Espacios impulsa a súa internacionalización no mercado estadounidense

xoves, 27 de marzo do 2025 S. P.

Dos Espacios, compañía con sede en Vilagarcía e especializada no sector TurisTech, participa no importante encontro eMerge Américas 2025, en Miami (Estados Unidos), onde dará a coñecer as solucións tecnolóxicas desenvolvidas pola empresa ante investidores e potenciais clientes internacionais.
Dos Espacios forma parte da delegación de 73 empresas españolas que asisten a este relevante evento dirixido a emprendedores, investidores e profesionais do sector no Pavillón de España, promovido por Red.es e o ICEX.
Esta edición de eMerge Américas pon o foco en temáticas como ciberseguridade, emprendemento, fintech (tecnofinanzas), eHealth (saúde dixital), Intelixencia Artificial e computación cuántica, investimento e fondos, así como nas tecnoloxías de uso dual.
As empresas participantes no Pavillón de España dispoñen dunha serie de vantaxes coas que se pretende impulsar a súa internacionalización, como un servizo de chave en man con libre uso do espazo común, entradas para o congreso e apoio na difusión e comunicación durante o evento, ademais da oportunidade de formar parte dunha axenda grupal de reunións e visitas a organismos públicos e aceleradoras.
O Pavillón de España ofrece ás participantes unha oportunidade única para conectar con investidores, clientes e actores crave do mundo tecnolóxico.
Con sede central en Vilagarcía de Arousa e delegacións en Santiago de Compostela e Madrid, Dos Espacios ten unha ampla experiencia na prestación de servizos especializados en consultoría turística e tecnoloxía aplicada a este sector: elaboración de plans de sustentabilidade turística en destino, diagnóstico e plan de acción en Destinos Turísticos Intelixentes (DTI), xestión do dato turístico e sistemas de predición, posta en valor de recursos turísticos (Realidade Aumentada, Virtual e metaverso) promoción de destinos nacionais e internacionais, identificación de novas oportunidades de negocio, deseño, e creación e organización de produto turístico, entre outros eixos de actuación.