
O pasado luns pechouse o prazo para optar a algún dos premios que concede a Cátedra R en Ciberseguridade, que segundo lembra a operadora galega R celebra este 2026 oito anos de traballo a prol da investigación, formación, transferencia tecnolóxica, fomento da innovación e captación de talento TIC, entre outros obxectivos.
O certame destacará os mellores Traballos de Fin de Grao, Fin de Máster e Tese Doutoral ou Traballo de Investigación con empresas en 2025-26, exercicio que puxo o foco especialmente nas tecnoloxías intelixentes aplicadas ao negocio.
Cátedra pioneira e renovada
A Cátedra R en Ciberseguridade continúa a súa andaina após o acordo revalidado o ano pasado polas universidades da Coruña e de Vigo con R e MasOrange en Galicia, que ratifica a colaboración directa das institucións académicas co operador galego no eido da seguridade dixital.
A Cátedra R retomou os seus grandes obxectivos: captar talento TIC en informática, intelixencia artificial aplicada ao negocio e ciberseguridade, “sen esquecer os referentes prioritarios da formación, investigación, transferencia tecnolóxica e divulgación”, engadiu a operadora galega respecto dos desafíos da cátedra, apuntando que “dende agora farase especial fincapé no fomento da innovación en tecnoloxías intelixentes e en proxectos orientados á súa aplicación práctica no mundo da empresa”.
Bolsas para proxectos TIC
As prácticas curriculares e extracurriculares en R son outro dos capítulos esenciais da Cátedra R en Ciberseguridade. Trátase de bolsas anuais para a Facultade de Enxeñaría Informática da UDC e para a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo dirixidas a estudantes de grao e de master, que poden incluír a realización do Traballo de Fin de Grao ou de Fin de Máster (TFG ou TFM). O propósito é “capacitar profesionalmente o alumnado facendo esas prácticas en R baixo a dirección e supervisión dun titor académico do centro onde cursan os seus estudos”.
De feito, un 70 % da dotación económica da Cátedra R destinarase a bolsas e prácticas, e o 30 % restante a actividades de visibilidade, divulgación e fortalecemento institucional.
Segundo lembra R, a Cátedra consolidouse como “un referente en Galicia” organizando eventos pioneiros como cybersec@gal e integrándose en CIBER.gal a partir de 2021; e ademais, participa en obradoiros e iniciativas como Talento Ciber, XoveTIC, C3TF, CTFv2, JNIC e Hacking nivel MEGA, ou nas Olimpíadas Teleco e proxectos STEM Bach. A Cátedra R promove tamén retos de innovación, xornadas tecnolóxicas e publicacións científicas e divulgativas, consolidando unha alianza público-privada para adaptar o talento universitario ás necesidades reais das empresas e administracións.
C3TF: Competición de ciberseguridade, máis un ano
Co patrocinio da Cátedra R en Ciberseguridade, a finais de outubro terá lugar tamén o C3FT (CITIC CYber Competition ), unha competición de ciberseguridade (na liña de Capture The Flag) organizada polo CITIC da Universidade da Coruña, en colaboración co centro atlanTTIC da Universidade de Vigo.
O obxectivo do torneo, que reuniu máis dun cento de estudantes en anteriores edicións, é probar e mellorar as habilidades prácticas de novos talentos en diferentes áreas da ciberseguridade, como a esteganografía, a criptografía ou a análise forense, entre outras.
As cifras da Cátedra R en Ciberseguridade
- +500 estudantes en actividades formativas e divulgativas.
- +20 accións divulgativas (charlas, hackathons , mesas redondas).
- +15 premios académicos entregados (TFG, TFM, Teses).
- 9 contratos indefinidos xerados a partir de prácticas curriculares.

