
Estamos afeitos a que as páxinas web da Administración do Estado sexan exemplo de malas prácticas e desleixo, dificultando o seu uso por parte da cidadanía en vez de facer xusto o contrario, e como exemplo deste mal facer a páxina web da Axencia Estatal de Administración Dixital dedicada á sinatura electrónica para cidadáns, empresas e empregados públicos está inaccesible porque o seu certificado electrónico caducou durante a xornada do domingo e a páxina non permite o seu acceso sen empregar unha conexión segura.
Que xusto a páxina web destinada á sinatura electrónica teña problemas co seu certificado dixital é un dos exemplos máis claro do mal xestionada que está a presenza en liña da Administración e, moi especialmente, en cuestións de certificados de seguridade, o que habitualmente só dificultaba a realización de trámites por parte dos administrados, pero que desta volva é claramente visible para o público xeral xa que o fallo se traduciu na imposibilidade de acceder a unha páxina web enteira e a todos os seus servizos.

ACTUALIZACIÓN (29-9-2026): 48 horas despois da caducidade do certificado dixital da páxina web da Firma Electrónica, o servizo segue a estar inoperativo, aínda que desta volta o erro amosado é diferente. Esta situación é especialmente difícil de entender xa que a expedición dos certificados de seguridade recaía na Fabrica Nacional de Moeda e Timbre, ou sexa, doutro organismo público, polo que non debería haber atrancos para proceder a unha sinxela renovación do certificado caducado.
ACTUALIZACIÓN (29-9-2026 ÁS 13:30 HORAS): Finalmente a páxina web da sinatura electrónica está operativa cun certificado xerado esta mesma mañá.
