Dosfer lanza NETEA, a primeira plataforma tecnolóxica para a xestión integral do Mercado CAE

mércores, 11 de xuño do 2025 S. P.

Dosfer, firma do grupo galego Alvariño especializada no Mercado CAE (Mercado dos Certificados de Aforro Enerxético), presentou hoxe os detalles da súa plataforma tecnolóxica NETEA, que sería, en palabras de Dosfer, “a primeira ferramenta dixital que se lanza en España para a xestión integral e optimizada de proxectos de aforro enerxético no mercado asociado ao sistema nacional de CAE”.
A nova plataforma deuse a coñecer no marco dunha xornada que, baixo o título Tecnoloxía e avances no Mercado CAE, reuniu en Santiago de Compostela a case un centenar de convidados, entre os que se contaban as empresas de referencia do tecido produtivo galego que xa valorizan os seus proxectos de eficiencia enerxética a través do mercado CAE, e os principais actores implicados no sistema (suxeitos obrigados e entidades verificadoras), acompañados do secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Xunta de Galicia, Nicolás Vázquez, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández, xunto a outras entidades representativas do sector.
Unha plataforma pioneira para dinamizar o Mercado CAE
No marco desta presentación, o director xeneral de Dosfer, Juan Rodríguez, detallou as funcionalidades da nova plataforma NETEA, que “abarca a xestión integral do Mercado CAE en todas as súas fases e incorporando a todos os seus actores”. Segundo explicou, NETEA conta con ferramentas para a identificación das actuacións de eficiencia enerxética, o cálculo e construción de proxectos de aforro enerxético, a venda do aforro enerxético xerado, a verificación do aforro, e o rexistro do CAE.
“NETEA cobre así todas as etapas do proceso técnico e administrativo que implica operar no Mercado CAE, dando unha resposta integrada tanto ás empresas que executan actuacións de eficiencia enerxética –e poden obter a través da venda dos CAE derivados das mesmas unha rendibilidade adicional ao propio aforro que xeran estas actuacións–, como aos suxeitos obrigados interesados en adquirir estes CAE”, sinalou.
A plataforma incorpora un módulo de xestión documental automatizada e rastrexabilidade completa do proceso de construción de cada proxecto. Así mesmo, está deseñada para integrar a todos os actores principais do Mercado CAE mediante perfís de usuario: usuario final, propietario do aforro enerxético, suxeito obrigado, suxeito delegado, organismo avaliador, intermediarios, instaladores, entidades que poden ser agregadores de aforro enerxético como asociacións ou agrupacións industriais, empresas de servizos enerxéticos ou entidades financeiras.
O obxectivo último, segundo explicou Juan Rodríguez é “aglutinar aforro enerxético”, para o que inclúe ferramentas deseñadas para a agregación do devandito aforro, permitindo capturar actuacións de eficiencia enerxética con volumes de aforro enerxético máis pequenos e paquetizalas”.
Neste sentido, Sergio Fernández, socio fundador de Dosfer, destacou que NETEA “é a ferramenta dixital definitiva para potenciar, dinamizar e optimizar este novo mercado de enerxía, o Mercado de Certificados de Aforro Enerxético, xerando a interconexión áxil e efectiva entre todas as entidades que participan no desenvolvemento dun ou varios proxectos de eficiencia enerxética, definindo para cada entidade o seu rol específico con accesibilidade protexida”.
Pola súa banda, o presidente do Grupo Alvariño, José Manuel Fernández Alvariño, sinalou o éxito de Dosfer con este proxecto: “Non só consolidamos a nosa firma como unha referencia neste mercado, senón que ademais contribuímos á innovación dentro do mesmo. Isto demostra que Galicia é un territorio frutífero para a innovación e que aposta pola dixitalización dos seus sectores máis punteiros e estratéxicos”, asegurou. Tamén destacou “a dobre satisfacción que supón o lanzamento de NETEA, posto que Galvintec, firma TIC do Grupo Alvariño, foi a responsable do seu desenvolvemento tecnolóxico”.
Por outra banda, Fernández Alvariño puxo en valor o gran labor que vén desenvolvendo Dosfer para o avance do Mercado CAE, incorporando ás empresas de referencia do tecido económico, especialmente no ámbito galego, que xa comezaron a operar neste novo mercado da man de Dosfer. “No último ano, CAE xestionados por Dosfer supuxeron para estas firmas uns ingresos adicionais de máis de dez millóns de euros polas súas actuacións de eficiencia enerxética, contribuíndo así á mellora da competitividade”. Así, agradeceu a confianza de compañías líderes como Stellantis, Cortizo, FINSA, Hijos de Rivera, Vegalsa-Eroski, Profand, Grupo Pereira, COREN, JEALSA, Nauterra, FRINSA, Cabomar, Nova Pescanova, CEAMSA ou Brandia, entre outras, que participaron no evento de presentación de Netea.