ECAI, o congreso de Intelixencia Artificial máis importante de Europa, celebrará o seu 50 aniversario en Santiago

martes, 5 de setembro do 2023 S. P.

Reunión de traballo no CiTIUS arredor da ECAI/ Imaxes de Andrés Ruiz

No que o CiTIUS (USC) cualifica de “decisión sen precedentes”, a Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI) anunciaba hai apenas un ano que volvería celebrar o seu congreso de referencia (ECAI European Conference on Artificial Intelligence) nunha mesma sede (Santiago de Compostela). Facíao tras encomendar a súa organización ao CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC) por segunda vez en catro anos, en recoñecemento ao éxito alcanzado na edición dixital ECAI 2020.
Foi, segundo lembrou o centro compostelán, “un evento pioneiro na modalidade non presencial, creado en tempo récord pola pandemia de COVID-19, que contou con máis de 5.000 participantes de 120 países distintos, e no que se presentaron case 400 traballos de investigación”.
Deste xeito, “Santiago volverá ser o epicentro da Intelixencia Artificial mundial en outubro de 2024, un ano de excepcional importancia ao coincidir no tempo co medio século de vida do congreso (organizado por primeira vez en 1974 no Reino Unido), e a previsíbel próxima aprobación do Regulamento en IA da Unión Europea, a primeira lei deste tipo a nivel mundial”, explican fontes do CiTIUS, que agarda que ECAI 2024 reúna a máis de 1.000 investigadores de todo o mundo, así como entidades, organizacións e empresas de ámbito global, que se darán cita en Santiago de Compostela para presentar e debater sobre os últimos avances científico-técnicos, o futuro da IA e as súas aplicacións.
“O evento será un acontecemento de extraordinario interese económico e social, e está promovido pola Asociación Europea para a Intelixencia artificial (EurAI), que confiou a súa organización aos investigadores do noso centro”, engadiron fontes do CiTIUS.
Primeiros pasos
O centro compostelán confirmou que a organización do evento está a dar esta semana en Santiago os seus primeiros pasos, coas visitas preliminares ás instalacións que albergarán o congreso e distintas reunións de lanzamento. Nelas participan os responsábeis de programa de ECAI 2024, Ulle Endriss (Universidade de Ámsterdam, Países Baixos) e Francisco Melo (Instituto Superior Técnico de Lisboa, Portugal); o responsábel xeral da conferencia, Fredrik Heintz (Universidade de Linköping, Suecia); o presidente de EurAI , Carles Sierra (Instituto de Investigación en IA, CSIC); e os presidentes do comité organizador, Senén Barro e Alberto Bugarín (CiTIUS-USC).

Carles Sierra, explicaba as razóns polas que EurAI decidiu repetir este congreso en Santiago: “Malia tódolos problemas que houbo pola pandemia, a organización de ECAI 2020 foi absolutamente exemplar, fantástica”, asegurou, engadindo que “desde o punto de vista de EurAI , vendo o modo en que reaccionaron en tan pouco tempo para facer que fose un éxito, a verdade é que sabía moi mal que tanto esforzo organizativo non tivese o premio de que a xente viñese visitar Santiago”. E apunta: “Por iso, á primeira oportunidade que houbo, e dado o interese da organización, a asemblea xeral de EurAI decidiu de maneira unánime e por aclamación que se celebrase outra vez en Santiago, para que a cidade puidese lucir. E a verdade é que estivemos visitando os lugares onde se vai a facer, e as instalacións son fantásticas… Penso que vai ser un éxito de participación , e estou seguro de que eles van facer un traballo impecábel para facer de Santiago un escaparate da Intelixencia Artificial europea”.
Así mesmo, destacou a importancia de contar cun organismo deste tipo en Europa, ao afirmar que “EurAI é unha federación de asociacións, unha maneira áxil e simple de organizarnos, sen crear outras estruturas nas que as asociacións queden diluídas. As organizacións científicas teñen tamén o rol de axudar aos parlamentos a facer leis que estean fundamentadas en documentos, informes… esa interlocución é un dos papeis que temos que xogar”, dixo.
Pola súa banda, os responsábeis de programa quixeron poñer en valor tamén as implicacións sociais do encontro. Ulle Endriss reflexionaba sobre o que cambiou a Intelixencia Artificial nestes 50 anos de historia de ECAI: “En 1974 a IA era moitísimo máis pequena, había moitas menos disciplinas, menos xente traballando en ela… cambiou unha chea, e nos próximos anos, como mínimo, vai seguir cambiando moito. Algunhas cousas case podemos adiviñalas, pero da maioría delas non temos nin idea, nin sequera podemos imaxinalas. Coido que vainos sorprender, como xa nos ten sorprendido no pasado, e estou desexando velo”.
E engadiu Endriss: “Non se trata só de tecnoloxía: trátase tamén de xente, de ideas, de conectar coas ciencias sociais ou as humanidades… cousas que fan a IA moito máis emocionante, isto é moito máis que traballar con computadores”. Tamén apuntou que “dentro de 50 anos miraremos atrás e sorriremos, tal e como facemos agora cando pensamos na primeira edición de ECAI en 1974”.
Pola súa banda, Francisco Melo explicaba que “os éxitos acandados pola Intelixencia Artificial nos últimos anos atraeron a atención da sociedade, facendo este tipo de eventos máis atractivos para o público, cada vez máis consciente da súa importancia. As grandes compañías tecnolóxicas que teñen xa resultados de investigación moi importantes no terreo da IA, participan cada vez máis en congresos como ECAI”. Para o investigador do Instituto Superior Técnico de Lisboa, “conferencias como estas son tamén unha oportunidade para que o sector privado dea a coñecer a investigación que se está desenvolvendo no seo das empresas, contribuíndo así ao desenvolvemento da IA”.
Finalmente, os responsábeis da organización de ECAI 2024 en Santiago, quixeron salientar a importancia que ten para a cidade, a USC e o CiTIUS a reedición deste congreso con tan pouca distancia no tempo. Para Senén Barro, director científico do CiTIUS, “que o congreso máis importante de Europa en IA volva a Santiago, e ademais celebrando o seu medio século de vida, é un recoñecemento á nosa universidade, e especificamente ao CiTIUS, como centro de investigación de referencia internacional en intelixencia Artificial”. Unha visión compartida polo investigador do centro Alberto Bugarín, que puxo o foco no impacto que ECAI 2024 terá para a IA en Galicia e en España: «Acoller novamente ECAI en Santiago de Compostela dará aos estudantes e investigadores de IA, e tamén á sociedade en xeral, a oportunidade única de coñecer os avances máis recentes e, sobre todo, interactuar cos mellores profesionais da IA a nivel mundial”.