Edisa abre filial nun dos países americanos con maior potencial de medre: Colombia
mércores, 11 de xullo do 2012

- Oficinas de Edisa en Canarias
A empresa galega Edisa, especializada no fornecemento de
recursos tecnolóxicos para a mellora na xestión empresarial, vén de subir un
novo chanzo no seu camiño cara a internacionalidade. Máis polo miúdo, a compañía
con sedes en Ourense e Vigo abriu presenza de seu en Colombia. Este vieiro non
é novo: xa comezou
na República Dominicana e antes diso en México. A experiencia de Colombia
tamén vén de antigo, pero agora a novidade está na confirmación oficial da
mesma con filial propia incluída. O mercado deste país, engade a empresa, é a
todas luces prioritario e presenta un gran potencial de medre.
Por esta razón,
xa se contrataron tres consultores que pasarán a integrar a nova filial da
empresa en Bogotá, cuxa apertura está prevista para este mes de xullo en 2012. “Consolídase así o espallamento de Edisa en
Latinoamérica”, engade a firma, “cunha
estratexia de creación de sedes propias semellante á que se xa se seguiu
durante todos estes anos tamén en España”. Esta aposta, explican fontes da
empresa galega, non significa que a empresa poida tamén contar con socios
locais ou firmas colaboradoras, “pero
considerouse clave o contar con presenza propia en tódolos países nos que estea
previsto un importante nivel de desenvolvemento, como é o caso de Colombia,
onde xa se levaron a cabo importantes proxectos nos últimos meses “.
