Educación, AMTEGA e Concellos incrementarán o subministro educativo de equipamentos e conectividade

martes, 28 de abril do 2020 S. P.

Entidades tecnolóxicas e sociais da nosa terra (por exemplo o colectivo da Enxeñaría Técnica en Telecomunicación) levan tempo advertíndoo: a pandemia agrava a fenda dixital que separa ás familias conectadas das que non o están. O motivo? A obrigatoriedade de proseguir os estudos coa fórmula da teleformación, que deixa fóra ás familias sen cobertura ou sen recursos para dotarse dela. Co obxectivo de combater a fenda, o Goberno galego e unha manchea de concellos iniciaron hai semanas medidas urxentes para subministrar equipamentos e conectividade ás nenas e nenos en risco. Agora, as administracións xuntan forzas para ampliar a medida, fortalecela e buscar que ninguén quede fóra da teledocencia.
A Xunta de Galicia (a través da Consellería de Educación e a axencia AMTEGA), a FEGAMP e os concellos de Galicia que o consideren, establecerán unha liña de cooperación para a mellora da conectividade e a dotación de recursos tecnolóxicos ao alumnado do ensino non universitario.
No acordo establécese que, por razóns de competencia, o Goberno galego atenderá con prioridade ao alumnado de ESO, Bacharelato e FP, de acordo cos criterios de promoción e titulación. Pola súa banda, os concellos interesados en colaborar no préstamo e reparto de equipamento e conectividade de propiedade municipal daranlle prioridade ao alumnado das etapas de Infantil e Primaria.
A maiores, Educación e AMTEGA traballarán coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) nun protocolo para a creación “dunha base de datos de equipamentos única con destino ao alumnado non universitario, que identifique os beneficiarios e evite eventuais solapamentos nas entregas do material”. Ao abeiro deste protocolo, os equipamentos locais circunscribiranse sobre todo a atender as demandas nas etapas de Infantil e Primaria, mentres que a Xunta de Galicia lle dará prioridade a ESO, Bacharelato e FP.
Finalmente, no que atinxe á recollida ou distribución de material non informático, estableceuse que os centros educativos poderán solicitar, se fose preciso, a colaboración dos servizos de Protección Civil ou da Policía Local, para efectuar ditas entregas.
2.270 kits até o de agora
A día de hoxe a Xunta de Galicia está a poñer a disposición das familias 2.750 kits informáticos compostos por portátiles e conexión gratuíta a Internet destinados ás familias con menos recursos que teñen escolarizados aos seus fillos en centros públicos, co “fin de garantir o seguimento da actividade educativa a todos aqueles alumnos que non dispoñen de posibilidades de conexión”.

PUBLICIDADE