ElevenLabs clona a voz de Stan Lee

xoves, 28 de maio do 2026 Redacción

ElevenLabs anunciou unha colaboración con Stan Lee Universe para incorporar á súa plataforma a voz, a imaxe e o legado creativo de Stan Lee, figura clave da cultura popular e co-creador de personaxes históricos do universo Marvel.
A iniciativa permitirá aos usuarios acceder a unha recreación da voz de Stan Lee a través do Iconic Marketplace de ElevenLabs e da aplicación Eleven Reader. O modelo foi desenvolvido a partir de gravacións profesionais destinadas a reproducir o ton cálido, o humor e a enerxía característicos do creador estadounidense.
A colaboración inclúe tamén o lanzamento do Stan Lee Book of the Month Club, unha proposta coa que ElevenLabs comprométese a incorporar durante os próximos doce meses distintas obras de dominio público á plataforma, como homenaxe á paixón de Stan Lee pola literatura. A primeira obra anunciada é A illa do tesouro de Robert Louis Stevenson.
Tamén se habilitarán ferramentas para crear contidos visuais inspirados en Stan Lee, seguindo o espírito dos seus populares cameos cinematográficos. Estes usos estarán limitados a fins persoais e non comerciais, baixo unhas normas de seguridade específicas. Os usos comerciais da súa imaxe deberán tramitarse mediante licenza a través do equipo de Stan Lee Universe en colaboración con ElevenLabs.
Cómpre lembrar que ElevenLabs xa ofrece voces clonadas de figuras recoñecidas como os actores Michael Caine, John Wayne, David Hasselhoff ou Rock Hudson, os científicos Richard Feynman e Thomas Edison, a poeta Maya Angelou, o narrador deportivo John Facenda, o músico Art Garfunkel ou as actrices Jean Harlow, Judy Garland e Lana Turner, deixando claro que a comercialización de voces de figuras célebres baixo licenza é algo ao que temos que afacernos.

Vídeo promocional da incorporación da voz de Stan Lee a ElevenLabs