Tal e como anunciamos onte dende esta web, esta semana falarase máis que nunca sobre o papel da muller no sector empresarial e, porque nos toca de preto, no sector TIC. As múltiples facetas de emprendemento en feminino ficarán de manifesto este venres 16 na aula magna da Facultade de Matemáticas de Santiago, onde se vai celebrar a primeira edición do Encontro Atalanta, unha actividade impulsada por Woman Emprende e inserida no proxecto Innovatia 8.3 (da USC e o Instituto da Muller), posta en marcha para dar visibilidade ás moitas actividades de valor que están a desenvolver as mulleres nos máis diversos ámbitos empresariais, investigadores, sociais, educativos e tecnolóxicos. O programa contará coa presenza, entre outras relatoras, de Patricia Araque, de Ellas 2.0.
A cita, de balde, diríxese pois a promover o emprendemento feminino universitario, e farao a través dun formato áxil e dinámico, expoñendo experiencias e creando un clima axeitado para que as relatoras amosen en todo detalle a súa actitude ante a vida e o día a día do seu traballo empresarial. Haberá unha nutrida presenza de empresarias e/ou impulsoras TIC, é o caso de Patricia Araque, cofundadora de Ellas 2.0, organización sen arela de lucro que se dirixe a impulsar a actividade feminina de base tecnolóxica e máis a botar abaixo todos os atrancos que a muller atopa no seu camiño no mercado TIC.
A cofundadora de Ellas 2.0, que falará en Santiago das opcións que supoñen hoxe en día os negocios en Internet, máis polo miúdo na Internet 2.0 (a social), é unha das máximas responsables, xunto coa organización da que forma parte, do certame Startup Weekend en España, un evento que se celebra nunha chea de países e que xunta a profesionais de toda índole, mulleres e homes, para poñelos en contacto e promover xuntos a creación de empresas de base tecnolóxica.
Ellas 2.0, socio local da rede global Startup Weekend, con sede en Seattle, importou por primeira vez este evento a España en 2010, realizando edicións en Madrid e Barcelona, onde bateu un record mundial de participación feminina, cun 70 por cento de mulleres.
Asemade, conseguiu que máis da metade dos proxectos financiados foran fundados por emprendedoras, e que máis do 80% dos mesmos sigan a funcionar na actualidade.
Ellas 2.0 amosará este venres en Santiago a súa experiencia en novos negocios TIC
Compartir Este Artigo
