Elogia e Pizza Móvil gañan o premio á Mellor campaña interactiva europea no Smile Festival

luns, 27 de febreiro do 2012 Raquel Noya

A firma de servizos de marketing e comunicación dixital, Elogia, que conta cun importante centro de operacións en Vigo e persoal da nosa terra nas súas fileiras, vén de recoller o Premio á Mellor campaña interactiva europea outorgado no Festival Europeo de publicidade e humor, Smile Festival o pasado venres, polo seu proxecto dixital para a empresa Pizza Móvil.
A campaña gañadora, que se deu a coñecer antes do Nadal, defendía a idea de pasar as festas en compañía dos amigos compartindo unha pizza de Pizza Móvil, e foi desenvolvida integramente en Facebook, Twitter e YouTube.
Para darlle unha viralidade maior á campaña, a firma internacional contou con seis deseñadores que crearon cadanseus vídeos en corte de humor para YouTube, nos que defendían a filosofía de cambiar as “comidas eternas coa familia” por divertidas reunións con amigos onde o prato a compartir fose a pizza de toda a vida.
Durante esta campaña, Pizza Móvil obtivo máis de 16.000 seguidores na súa fanpage, e os seus vídeos colleitaron un total de 978.000 visualizacións en YouTube, un éxito de visitas que levaron ao proxecto de Elogia a facerse cun novo recoñecemento á súa creatividade e aposta por contidos orixinais na Rede.
Porén o maior beneficiario deste galardón non foi Elogia senón o seu cliente: Pizza Móvil, que conseguiu incrementar en milleiros os seus fans e seguidores nas redes sociais.
O director de Marketing da compañía, Jorge Pallarés, que se gababa de que a campaña fora “todo un éxito”, mostraba a súa satisfacción co recoñecemento obtido afirmando que “a gran afinidade que demostraron os internautas coa iniciativa viuse no tremendo volume de visualizacións e milleiros de novos fan e seguidores que logramos”.

PUBLICIDADE