Empresas TIC de Santiago, A Coruña e Vigo exhiben a súa fortaleza en IA

xoves, 22 de xaneiro do 2026 S. P.

O Clúster TIC Galicia celebrou este xoves 22 de xaneiro a xornada Proxectos IA360: Desenvolvemento Tecnolóxico e Innovación con IA na Cidade das TIC da Coruña, na que se deron a coñecer vinte proxectos baseados en intelixencia artificial de empresas galegas, socias da entidade, desenvolvidas a través da convocatoria IA360 do IGAPE.
Sete das propostas pertencen a compañías de Santiago de Compostela: Imaxin, Plexus Tech, Situm, Prefapp Cloud Consulting, Sixtema, Tesla Technologies e Triple Alpha.
Porén, tamén houbo iniciativas lideradas por firmas da Coruña e Vigo.
Trátase, en total, de vinte soluciones tecnolóxicas avanzadas, competitivas e con aplicación directa en ámbitos como a moda, a alimentación, a enerxía, a loxística, a ciberseguridade ou o sector agroalimentario.
Estas propostas reflicten, en palabras do Clúster TIC, “unha aposta clara pola intelixencia artificial como motor de mellora da produtividade, da eficiencia operativa e da calidade dos servizos, tanto en organismos públicos como privados”.
O presidente da alianza empresarial, Antonio Rodríguez del Corral, destacou que “o programa IA360 demostra que as empresas galegas non só adoptan intelixencia artificial, senón que, cos apoios suficientes, teñen a capacidade e o talento precisos para desenvolver solucións reais que dean resposta a retos económicos, sociais ou corporativos”.
Esta convocatoria, co-financiada con fondos europeos NextGenerationEU, está a permitir acelerar o deseño e a chegada ao mercado de tecnoloxías estratéxicas. “Estas vinte iniciativas son un exemplo do enorme potencial das nosas compañías para competir a nivel global desde o territorio, xerando coñecemento, emprego cualificado e valor engadido”, sinalou o presidente do Clúster TIC.
Entre as solucións atópase SorgIA, de Plexus Tech, un sistema de axuda á toma de decisións complexas en contornas estáticas e dinámicas para minimizar custos e impulsar a eficiencia operativa en diferentes sectores.
Pola súa banda, Prefapp Cloud Consulting integrou un sistema conversacional baseado en modelos LLM e GitHub Copilot na súa plataforma firestartr.dev, alimentado co contexto e coas regras específicas de cada organización.
No eido da xeolocalización, Situm desenvolveu GAIA, un sistema de asistencia xeoespacial intelixente para optimizar operacións, mellorar experiencias e garantir a seguridade.
En materia de sustentabilidade, Tesla Technologies & Software desenvolveu Indicages, unha plataforma de IA para a xestión e certificación de indicadores de sustentabilidade, aliñada cos novos requirimentos normativos.
Pola súa banda, Sixtema mostrou LEVAD-360, unha solución de xestión empresarial que converte a información corporativa nun recurso estratéxico mediante técnicas de recuperación aumentada e intelixencia artificial.
No sector agroalimentario, Triple Alpha presentou AlphaChick, unha plataforma na nube que aplica IA á xestión integral e sostible de explotacións avícolas.
Doutra banda, Imaxin deu a coñecer Lynx, unha nova xeración de chatbots RAG que permiten consultar contidos informativos e documentación pública dunha maneira máis rápido, transparente e eficiente.
Ademais, SREC Solutions presentou Sinvad, un estándar para o deseño de asistentes virtuais intelixentes interactivos, pensado para facilitar a súa implantación en diferentes sectores. 
Deicom Technologies desenvolveu RedIA, un sistema de análise de datos e IA aplicado á supervisión de redes de baixa tensión, que permite anticipar incidencias e optimizar o funcionamento das infraestruturas eléctricas.
Ademais, Galvintec explicou a súa solución Moodular IA, un módulo intelixente para optimizar os sistemas de picking en almacéns e centros de distribución, incrementando a precisión e reducindo tempos e custos loxísticos.
Por outra banda, Torusware e Selmark uníronse para deseñar o Plan Mestre Preditivo (PMP), un sistema de planificación avanzada baseado en modelos de estudo previo e anticipativos que analiza a demanda, a popularidade dos produtos e a estacionalidade para optimizar a previsión da fábrica.
Quobis presentou Smart Answer, unha solución que emprega un asistente virtual baseado en IA para responder chamadas entrantes de números descoñecidos, mellorando a eficiencia na atención ao usuario e reducindo a carga operativa en contornas onde se xestionan grandes volumes de consultas.
Visual Publinet, pola súa banda, deu a coñecer IA360 SEO Local, unha nova xeración de estratexias de posicionamento local baseadas en intelixencia artificial, orientadas a potenciar a visibilidade dixital dos negocios en directorios e buscadores.
Ademais, a firma Emetel desenvolveu Cybera, un asistente virtual baseado en IA para a xestión do coñecemento no Centro de Operacións de Ciberseguridade, perfeccionando a resposta ante incidentes e a eficiencia dos equipos técnicos.
Avansig explicou a súa ferramenta MapForest, que analiza datos xeoespaciais a través da IA para a xestión forestal respectuosa co medio e os recursos naturais, mellorando a toma de decisións e o impacto ambiental no territorio.
A coruñesa Cinfo presentou Tiivii Toolbox, unha plataforma orientada ao impulso da produtividade e á automatización de tarefas mediante técnicas avanzadas de intelixencia artificial, achegando maior seguridade e eficacia que outros modelos de mercado.
No ámbito da xestión da información, Ilux Visual Technologies mostrou Mindforge, unha solución que vai máis aló do buscador intelixente tradicional, facilitando o acceso e xestión de recursos visuais en organizacións mediante a procura intelixente, a etiquetaxe automática e outras funcionalidades avanzadas.
A maiores, Imatia Innovation desenvolveu ImPilot, unha familia de copilotos de intelixencia artificial orientados á administración pública e aos servizos sociais, que facilitan o acceso da cidadanía á información pública e optimizan o traballo dos profesionais.
Pola súa banda, IN2AI apostou por unha solución centrada na seguridade e produtividade, combinando asistentes conversacionais con sistemas de monitoraxe da actividade para previr accesos non autorizados a datos críticos.
A colaboración entre Torusware e Vegalsa deu lugar a ProvIA, unha solución que optimiza, mediante IA, os procesos de provisión de servizos e produtos para a mellora operativa.
“Estes proxectos contribúen a posicionar Galicia no mapa da vangarda tecnolóxica e sitúan ao sector TIC como motor da innovación, reforzando o tecido empresarial galego”, sinalou del Corral, engadindo que “a intelixencia artificial é unha realidade transversal na nosa economía, e estas solucións demostran que as empresas galegas están preparadas para liderar esta transformación desde aquí, con solucións útiles, éticas e sostibles”.