En Galicia, o 78% dos servizos contratados co Kit Dixital diríxense á mercadotecnia en liña
martes, 9 de decembro do 2025
Cosmomedia, tecnolóxica española especializada na implantación de solucións dixitais para pequenas e medianas empresas, publicou a Radiografía de contratación de solucións do Kit Dixital, un estudo que analiza un total de 1.896 solucións contratadas por empresas en toda España a diferentes axentes dixitalizadores, coas axudas en formato de Bono dixital que ofrecía o programa. O informe inclúe datos de interese sobre a nosa terra, por exemplo que a gran maioría dos servizos contratados polas nosas empresas foron dirixido á mercadotecnia (marketing) dixital.
O estudo, desenvolvido en novembro de 2025 (tralo remate do prazo de solicitude do Kit Dixital), ofrece unha imaxe clara sobre as prioridades de dixitalización por segmento de empresas I, II e III, que inclúen desde autónomos ata empresas de menos de 50 empregados e por solucións do programa.
Segundo o estudo, máis da metade dos servizos do Kit Dixital dirixíronse á mercadotecnia dixital. Nos segmentos I (10-49 empregados) e III (0-2 empregados), este investimento alcanza o 70%, cifra que se eleva ata o 88% no segmento II (3-9 empregados) motivado polo servizo de presenza avanzada na Internet. En concreto, esta solución estaba dispoñible só para os segmentos II e III e foron empresas medianas as que máis o contrataron, xa que dispoñían de fondos suficientes.
A solución de creación de páxina web establécese como o servizo principal elixido para investir o Kit Dixital en todos os segmentos analizados, cunha media do 37% das contratacións. “Este dato subliña que establecer ou actualizar a presenza online segue sendo unha necesidade fundamental para as pemes do noso país”, fixo saber Cosmomedia co gallo desta investigación, engadindo que o seguinte capítulo en volume de servizos contratados foron as solucións de xestión de redes sociais, cun 18% de investimento, presenza avanzada na internet, cun 16%; e, por último, o servizo de creación dun ecommerce, cun 7%.
Os negocios con maior número de traballadores son os que máis invisten en servizos de xestión empresarial. En concreto, a solución do Kit Dixital favorita de media é xestión de procesos, cun 5% de cota de contratación. Séguelle o servizo de factura electrónica cun 4% de formalizacións e o de xestión de clientes, cun 2%.
Entre os servizos de xestión empresarial menos contratados están o de intelixencia empresarial e analítica, cun 1% e oficina virtual, cun 1% de media.
Contratacións do Kit Dixital en Galicia
A contratación do Kit Dixital en Galicia enfócase ás solucións de mercadotecnia dixital, agrupando o 78% dos acordos formalizados.
Destaca con moito o apartado de creación web, que cun 43% supera en 6 puntos a media de todas as comunidades (37%). Con todo, a solución de presenza avanzada rexistra un descenso significativo, situándose no 8% fronte ao 16% de media.
As empresas galegas manteñen e aumentan a contratación de solucións de xestión empresarial, sobresaíndo a xestión de clientes (4% fronte ao 2% de media) e xestión de procesos (7% fronte ao 5% xeneralizado).
En sintonía coa maioría das comunidades, as solucións de seguridade dixital non rexistraron formalizacións significativas, e a solución de posto de traballo seguro (3%) atópase moi por baixo da media nacional (8%).
