En Mundos Digitales convocan aos profesionais das industrias creativas dixitais a xuntar forzas ante a IA
xoves, 4 de xullo do 2024
O Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media Mundos Digitales botou a andar hoxe na Coruña, celebrando a súa edición número 22 cunha elevada participación de profesionais dun sector que non para de medrar e evolucionar. O evento prolongarase até o vindeiro sábado no recinto de PALEXCO.
Na xornada de hoxe abordaron temas como a creación dun estudio de animación, a produción de tráilers que leven ao éxito proxectos de animación, o proceso de creación da serie de televisión Berlín (spin-off de La casa de papel protagonizado polo galego Pedro Alonso), técnicas de efectos especiais para videoxogos, os desafíos da animación en tempo real ou as complexidades do deseño de niveis nos videoxogos.
Os asistentes tamén puideron coñecer dun xeito próximo a grandes profesionais do sector, como a John Haley (Marvel Studios) e Abraham López (director da longametraxe de animación Guardiana de Dragones). O director do estudio The Game Kitchen, Mauricio García, tamén narrou a xestación do seu grande éxito, Blasphemous, videoxogo independente de grande sona internacional que incluso contou cunha secuela moi ben recibida por público e crítica.
Durante a mañá e a tarde tamén se desenvolveu un dos pratos fortes do encontro, a súa feira de emprego, na que profesionais e compañías interactúan para darse a coñecer entre si, facilitando así a captación de talento por parte das empresas do sector, e amosando tamén aos profesionais varios camiños que poder percorrer no futuro.
AI Assemble!
A cita tamén serviu para presentar a proposta de AI Assemble, unha iniciativa de agrupación de empresas, laboratorios, profesionais e institucións ligadas á investigación, ao desenvolvemento e implementación da intelixencia artificial en contextos de alta especialización, para o deseño e a divulgación dunha estratexia sobre a aplicación da IA dende diversas perspectivas, destacando o contexto das industrias creativas dixitais, que actualmente están a verse especialmente afectadas pola emerxencia da IA xenerativa.
Esta presentación foi conducida polo produtor, director e guionista de cine e videoxogos, Carlos Fernández de Vigo, e a consultora en IA Alba Meijide, acompañados polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, que salientaron a falta de información e divulgación do coñecemento no ámbito da IA, especialmente dende unha perspectiva ética e xurídica, polo que propuxeron que AI Assemble puidese servir como altofalante das preocupacións e necesidades do sector con respecto á IA, contribuíse á protección e o respecto da autoría na obra cultural, e servise como un organismo de intermediación e representación, estando actualmente nunha fase de xestación, na que pretenden xuntar a todos os interesados na material para facer realidade AI Assemble entre todos, coa previsión de que a finais de ano poida concretarse nunha entidade formal e efectiva.
- Carlos Fernández de Vigo compartiu a súa visión sobre o contexto actual no que a IA está a espertar moitas incógnitas
- Fernando Suárez salientou que dende a Enxeñaría en Informática a IA é un tema que vén de lonxe, polo que os enxeñeiros poden contribuír a ilustrar sobre esta nova problemática para os creadores dixitais