En febreiro abrirán no Xapón unha montaña rusa de Mario Kart

luns, 30 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Nos últimos anos puidemos ver como creaban versións de realidade virtual de Mario Kart ou como nas últimas semanas poñían á venda o Mario Kart Live: Home Circuit que permite gozar do xogo de carreiras de Mario no noso fogar tirando proveito da realidade aumentada. Pois non quixeron parar aí, e agora anuncian que o vindeiro 4 de febreiro abrirán no Xapón o Super Nintendo World, un parque de atraccións de Universal Studios Japan que como xoia da coroa terá unha montaña rusa de Mario Kart, na que percorrerase o castelo de Bowser e que cobrará vida grazas a unhas lentes de realidade aumentada e ao uso de tecnoloxías de proxección.
A realidade aumentada permitirá que os visitantes poidan mover o volante durante a atracción, para así poder competir co resto e ter unha experiencia máis inmersiva e interactiva. O parque tamén contará con outros elementos interactivos que permitirán xuntar moedas virtuais valéndose de pulseiras sincronizadas cunha aplicación móbil, convertendo as visitas en toda unha competición.
O parque de atraccións bota a andar co figura de Mario, pero aseguran que xa está en construción unha ampliación inspirada en Donkey Kong, de xeito que podería converterse nun lugar de peregrinación para amantes dos videoxogos de todo o mundo, que na súa apertura terá como principal limitación para o seu éxito a situación sanitaria global, que obrigará a limitar bastante a afluencia de público, así como a extremar as medidas de hixiene.

A montaña rusa está ambientada no castelo de Bowser
No parque de atraccións non faltará a sala de trofeos do Mario Kart

Vídeo no que anuncian a data de apertura do Super Nintendo World

PUBLICIDADE