Nintendo celebra o 35º aniversario de Super Mario Bros.

venres, 4 de setembro do 2020 Marcus Fernández

A entrega orixinal de Super Mario Bros. estreouse na NES en 1985, e para celebrar o seu 35º aniversario Nintendo prepara toda unha serie de novidades para os vindeiros meses, que basicamente consisten no relanzamento de xogos clásicos, pero baixo distintas fórmulas, para adaptarse a distintos públicos, de xeito que o que para uns será simplemente unha ampliación do catálogo de xogos de Switch, para outros será un exercicio de nostalxia ou o xeito de dar unha nova volta a un éxito anterior.
Precisamente o xeito máis nostálxico para gozar do Super Mario Bros. orixinal será unha consola portátil que verá a luz o 13 de novembro, e que externamente presenta o aspecto das primeiras Game & Watch, integrando o mencionado Super Mario Bros., o Super Mario Bros.: The Lost Levels e o vello Ball na súa versión Mario, contando tamén coa función de reloxo dixital que caracterizaba a este tipo de máquinas. Un produto que podería repetir o éxito das consolas mini comercializadas por Nintendo nos últimos anos.
O xogo Super Mario 3D World tamén está de volta, agora con versión para Nintendo Switch, incluíndo tamén Bowser’s Fury. Estamos ante un xogo que trunfou na Nintendo 3DS e que agora pode xogarse tamén en portátil, pero con melloras en gráficos e mecánicas, e incluso contando con modo multixogador en liña. Haberá que agardar até o 12 de febreiro de 2021 para gozar deste título.
Postos a falar de multixogador, o día 1 de outubro lanzarase Super Mario Bros. 35, un xogo en liña competitivo, exclusivo para subscritores de Nintendo Switch Online, e cunha proposta moi curiosa, tanto polas mecánicas de xogo como polo feito de que só estará dispoñible até o 31 de marzo de 2021, polo que probablemente concentre a moitos xogadores durante os seus poucos meses de vida.
Pero a meirande sorpresa de todos os lanzamentos do 35º aniversario de Super Mario Bros. é Mario Kart Live: Home Circuit, un xogo de realidade aumentada que permite converter o noso fogar nun circuíto de carreiras para un coche de radiocontrol.
Finalmente, o produto rumoreado durante os últimos meses confirma tamén o seu lanzamento, e antes do esperado, xa que o lote de xogos Super Mario 3D All-Stars, que inclúe remasterizacións de Super Mario 64, Super Mario Sunshine e Super Mario Galaxy chegará ás tendas o vindeiro día 18, o que é unha oportunidade para gozar dos xogos tridimensionais de Mario que marcaron cadansúa xeración.

Vídeo no que Nintendo dá conta dos lanzamentos para celebrar o 35º aniversario de Super Mario Bros.

PUBLICIDADE