O Mario Kart en realidade virtual chega a Londres en agosto

venres, 13 de xullo do 2018 Marcus Fernández

O ano pasado chamou poderosamente a atención o feito de que no Xapón inaugurasen un local de experiencias de realidade virtual que tiña o xogo Mario Kart Arcade GP VR, unha adaptación do célebre xogo de condución de Mario para recreativas, que pode gozarse en realidade virtual grazas a uns postos de xogo que imitan un kart xunto cuns cascos HTC Vive, facilitando así que até 4 xogadores simultáneos puidesen meterse nunha partida de Mario Kart, podendo conducir o seu vehículo con volante e pedais, pero tamén lanzar cunchas de tartaruga aos contrarios cos seus propios brazos.
Pero para gozar desta experiencia xa non será preciso viaxar até o Xapón, pois esta experiencia inicia a súa internacionalización comezando polas instalacións en The O2 de Londres, onde Mario Kart VR estará dispoñible en exclusiva a partires do 3 de agosto. Esta experiencia terá un prezo de 8 libras esterlinas (9 euros) por persoa, sendo preciso facer reserva telefónica para garantir o acceso a esta actividade de elevada demanda, especialmente ante a súa exclusividade.

PUBLICIDADE