En marcha unha campaña para acadar a tradución de Android á nosa lingua

mércores, 2 de outubro do 2013 Fernando Sarasketa

Dende o blog Mallando no Android están a comandar unha iniciativa dirixida a pór a nosa lingua e a nosa cultura xusto no lugar no que se merece estar: alí onde se supón que pode caer o epicentro das tecnoloxías móbiles e a súa evolución. E no epicentro, ou polo menos moi preto del, debe estar o sistema operativo Android, un recurso que está a experimentar un proceso de medre imparábel (está no 90% dos teléfonos intelixentes que se venden na nosa terra) pero que, moitos dos usuarios galegos sabémolo dende hai tempo, non conta con versión oficial, definitiva, na nosa lingua (unha versión que poña orde nas achegas que fan a título individual e de xeito moi desigual).
Este baleiro, sinalan dende Mallando no Android, pide a berros que nos poñamos mans á obra. Primeiro para pedirlle entre todas e todos a Google, responsábel do dito sistema operativo, faga o que ten que facer e poña á nosa disposición unha versión galeguizada. A iniciativa colectiva está a coller corpo a través da web androidengalego.
Dende o colectivo de Mallando no Android mándalle a Google a seguinte mensaxe: o galego, por se non o saben, “é unha lingua especialmente viva no eido das novas tecnoloxías, non só pola súa importante presenza como lingua de uso nas redes sociais (20ª lingua de uso en Twitter no ano 2009, moi por enriba do seu peso poboacional e amosando un amplo grao de adopción temperá), senón tamén pola existencia de potentes grupos de tradutores de software (especialmente software libre) e de moi activos desenvolvedores de aplicacións do máis diversas”.
E proseguen: “Entendemos que unha comunidade lingüística da importancia da galega, cun número importante de usuarios, alta penetración de Android e presenza de variados grupos de desenvolvedores, merece que a súa lingua conte xa cun paquete predefinido de idioma desde a versión base de Android, a desenvolvida por Google, de forma que evite que a súa presenza en cada terminal dependa da vontade dos fabricantes”.
En base a isto, os responsábeis da campaña habilitaron un prego-manifesto para ser enviado polos internautas que se adhiran á iniciativa, canalizado a través da plataforma Change.org e da man de Iago Varela. Asemade, animan a compartir o manifesto na rede social Twitter ou a emprazar un banner na nosa web ou blog que ligue coa petición. Entre as entidades que apoian esta reclamación atópase o blog Mallando no Android, a operadora R, o estudo Smart GalApps, a firma Neobit, RedInput, Zadia Software, Mobialia e HardGalicia.

PUBLICIDADE