Enric Trillas, un dos grandes expertos estatais en intelixencia artificial, estará o 19 no CiTIUS

mércores, 10 de febreiro do 2016 Redacción

O salón de actos do CiTIUS (Universidade de Santiago) vai acoller o 19 de febreiro un encontro con Enric Trillas, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade Politécnica de Madrid. Será o Seminario Lóxica e linguaxes, previsto para as 11.30 horas no centro tecnolóxico compostelán. O CiTIUS lembra que Enric Trillas (Barcelona, 1940) foi pioneiro en España na “lóxica difusa ou borrosa” (en inglés fuzzy logic), amais de ser un dos primeiros investigadores adicados a este ámbito da ciencia no contexto europeo. Segundo engade o centro, este eido da investigación céntrase en boa medida en acadar que as máquinas poidan reproducir o noso xeito de pensar e razoar.
Recordar tamén que Trillas foi presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), director xeral e vicepresidente do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), secretario xeral do Plan Nacional de Investigación Científica e Tecnolóxica e secretario da Comisión Interministerial de Ciencia e Tecnoloxía e presidente da compañía Ingeniería y Servicios Aeroespaciales (INSA). Ao longo da súa andaina investigadora xerou máis de dous centos de publicacións e artigos científicos e tecnolóxicos e foi recoñecido con algúns dos premios máis relevantes no ámbito da lóxica difusa. Ademais, foi distinguido coa Orde ao Mérito da República Italiana, categoría de Grande Uffiziale, a Gran Cruz do Mérito Aeronáutico e a Medalla Narcís Monturiol ao mérito científico e tecnolóxico. Desde 1990 é catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Facultade de Informática da Universidade Politécnica de Madrid, así como investigador emérito do European Centre for Soft Computing de Mieres (Asturias) e Doutor Honoris Causa da Universidade Pública de Navarra.

PUBLICIDADE