Ericsson non acudirá ao Mobile World Congress

martes, 9 de marzo do 2021 Marcus Fernández

A poucas horas de que a GSMA anuncie a súa intención de celebrar presencialmente o Mobile World Congress de Barcelona este ano, semella que vai repetirse a historia do ano pasado, e ao igual que en 2020, Ericsson convértese no primeiro grande fabricante en anunciar que non acudirá ao MWC por motivos de seguridade.
Que Ericsson asegure que non acudirá aos MWC 2021 poucas horas despois do anuncio do seu plan de seguridade podería ser o preludio dunha serie de anuncios na mesma dirección, xa que a realización de probas de detección do coronavirus e as medidas de hixiene non parecen convencer aos grandes fabricantes para correr un risco tan elevado como innecesario, pois non esquezamos que as compañías xa reestruturaron a súa planificación anual para non contar coa feira de Barcelona.
Que a GSMA pretenda xuntar a preto de 50.000 persoas nun recinto feiral en Barcelona a moitos parécelles unha auténtica tolería, e a incerteza provoca que as compañías non estean a prepararse para a cita, o que con toda probabilidade provocará unha cascada de cancelacións que levarán á suspensión do evento presencial. Sorprende que non estivese sobre a mesa unha celebración virtual do evento, coa súa data tradicional, para manter viva a marca, como están a facer moitas outras feiras a nivel mundial, incluso as previstas para finais do verán e primeiros de outono.

PUBLICIDADE